O PSOE levará ao Parlamento as carencias do transporte público na comarca de Bergantiños

O PSdeG-PSOE levará ao Parlamento de Galicia as deficiencias do transporte público por estrada na comarca de Bergantiños. Anunciouno a parlamentaria socialista Patricia Iglesias Rey nunha rolda de prensa na Estación de Autobuses de Carballo. 

A deputada orixinaria de Carballo denuncia o que considera "un problema estrutural que ten a Xunta de Galicia co transporte público, cos buses", xa que a estación non está ben conectada "nin coa Coruña nin con Santiago". 

Iglesias calificou a infraestrutura de "estación de autobuses fantasma", xa que "non podes nin chamar para preguntar os horarios". "Non sabes moi ben a que hora sae o bus para Santiago, chamas e non tes información", engade. 

Sobre a conexión entre Carballo á Coruña, afirma que co bus procendente de Fisterra e Muxía ás 8 da mañá "moita xente de Carballo queda en terra e ten que esperar ao seguinte bus que non é directo e tarda máis dunha hora". "Como vas chegar a traballar, ou a universidade, ou a unha cita médica no hospital", pregúntase a deputada. 

"O transporte público por carretera, que é de competencia exclusiva da Xunta, non conta coa comarca de Bergantiños", critica Iglesias, para a que esta situación xera "cidadáns de segunda categoría" para o goberno autonómico. 

"Este mércores preguntarei ao conselleiro de presidencia, ao señor Diego Calvo, se ten pensada algunha medida estrutural para mellorar o transporte público por estrada na comarca", anuncia a parlamentaria socialista.