Rabuñal Patiño comparte o seu saber ornitolóxico co Instituto de Estudos Bergantiñáns
O Instituto de Estudos Bergantiñáns organiza unha conferencia do recoñecido ornitólogo José Luis Rabuñal Patiño, presidente de honra do grupo naturalista Hábitat, socio da Sociedade Galega de Ornitoloxía e un gran experto na identificación de aves que formou parte do Comité Ibérico de Rarezas e do Comité de Rarezas da Sociedade Europea de Ornitoloxía.
A charla terá lugar o próximo venres 13 de marzo, ás 20 horas no Casino de Carballo. Presentará ao conferenciante o historiador Luis Giadás Álvarez, membro do IEB. Participará tamén neste acto o ornitólogo carballés Xabi Varela, quen falará da súa relación con Rabuñal.carba
Historia viva da ornitoloxía
Autor de máis de 240 descricións de rarezas remitidas a eses dous organismos. Durante moitos anos encargouse de realizar o Censo invernal de aves acuáticas e mariñas da zona 4 de Galicia (Malpica-Cabo Touriñán).
As súas investigacións neste eito comezaron no ano 1979, centradas sobre todo no esteiro do río Anllóns, espazo ao que leva feito máis de 5000 visitas e á lagoa e praia de Traba de Laxe, que visitou en máis de 3000 ocasións. Rabuñal foi o que descubriu as primeiras aves americanas que chegaron a estes dous lugares arrastradas polas borrascas procedentes do océano Atlántico. Chegou a identificar e documentar máis de 230 especies destas aves. Mais os coñecementos do noso conferenciante no eido das ciencias naturais no se limitan só á ornitoloxía, pois coñece con detalle outros tipo de animais da zona: mamíferos, réptiles, anfibios ou insectos; así como cantidade de especies da flora.
José Luis é desas persoas sabias que ten un coñecemento integral do territorio que leva visitado durante case cincuenta anos e séntese unido a el de xeito emocional porque eses espazos do Esteiro do Anllóns e de Traba de Laxe pasaron a formar parte do seu mundo vital. Ademais dos seus profundos coñecementos do medio natural, reúne outras calidades que lle confiren ese atributo de sabio como son a súa humildade, a empatía, a capacidade de escoita, a curiosidade pola aprendizaxe e o interese por compartir o coñecemento, que o converten nunha persoa bondadosa e humanista.