Reaberta a rúa Fomento de Carballo tras 7 meses de obras
Tras 7 meses de obras, onte a Xunta abriu o tráfico na ponte da Rúa Fomento, no marco das obras que o organismo hidráulico está a realizar no concello de Carballo para paliar os asolagamentos na contorna do río Anllóns. O avance das actuacións na contorna da ponte da rúa Fomento -que rematarán ao longo deste mes tralo investimento de arredor de 1,9 millóns de euros- permite reabrir ao tráfico peonil e rodado esta infraestrutura cumprindo así cos prazos inicialmente previstos.
No caso dos traballos na rúa Fomento, consistiron na remodelación da ponte situada nesta vía, da canle fluvial e dos muros de protección augas a baixo. De feito, as obras implicaron o derrubamento dun edificio situado na marxe do río, a demolición da ponte existente, a construción dos elementos que conforman a nova pasarela (as vigas e o taboleiro) así como as obras de retranqueo dos colectores e a reposición da coieira existente nas proximidades.
Roi Fernández lembrou que tres das cinco actuacións previstas nese acordo xa están rematadas -a realización dun by-pass na zona de Muíño do Quinto, a remodelación integral do parque de San Martiño e as obras na rúa Sol- mentres que as da rúa Fomento están na fase final. Mentres, está en execución a mellora hidráulica do río ao seu paso polo enlace entre as estradas AG-55 e a AC-552, que se prevé que estea rematada a finais deste ano tras un investimento de preto de 1,3 millóns de euros.