Ruar e rir nas rúas de Carballo polas Letras Galegas

Pintando os pasos de peóns no Ruar e Rir de Carballo

Singular a proposta que volve a Carballo polas Letras Galegas, co graffiti de novo como medio de creación. Desta volta, nos pasos de peóns, recuperando aquela iniciativa que en 2015 encheu a vila de frases orixinais e filosóficas con motivo do Día das Letras Galegas. Volve así o “Ruar e rir 2”, e o alumnado dos institutos de Carballo xa está volvendo a deixar a súa pegada nos pasos de peóns.

Esta iniciativa cun marcado fin pedagóxico, comeza en clase, cun completo proceso de creación, baixo a coordinación do sociólogo Santiago Pazos, por parte de alumnas e alumnos de 2º de Bacharelato do IES Alfredo Brañas e de 4º da ESO do IES Monte Neme, que permitiu preparar as 18 frases que agora se pintarán.

Durante as sesións reflexionaron sobre a lingua, aprenderon palabras novas, revisaron ortografía e gramática e, sobre todo, tiveron a oportunidade de deixar voar a imaxinación. Unha das frases creadas é precisamente a que subtitula o proxecto “As esencias da cidade lévalas dentro dos zapatos”. Agora, pintan as rúas coa axuda de coñecidos artistas carballeses como Cristina Castro, María Marticorena, Santi Picos ou Mon Lendoiro.

Ademais da frase que subtitula o proxecto, algunhas das sentenzas que se pintarán durante estes días son: • “Precaución, aquí aprendemos a pensar”, no acceso ao IES Alfredo Brañas.
• “Polos cóbados roídos respira o coñecemento”, no acceso ao IES Monte Neme.
• “Soñar é de balde”, na contorna do mural “A Orixe” na rúa Fábrica.
• “A lectura é o atallo para a cultura”.
• “Entre bicos e agarimos enguedello polo camiño”.

Programa das Letras en Carballo