O San Xoán estrea o cartel de Isa Bermúdez

Isa Bermúdez, segunda pola esquerda, cos representantes municipais e o presidente da comisión, Sergio Varela (á esquerda) na presentación do cartel do San Xoán

Estreou onte o Concello de Carballo o cartel das festas de San Xoán. Un cartel escollido directamente pola comisión, prescindindo do concurso aberto (que en moitas ocasións era gañado por artistas de fóra), pensando en apostar pola "incrible canteira" de artistas locais da vila.

Neste caso, o cartel é realizado por Isa Bermúdez. A autora carballesa confesou que realizar esta obra era "un dos seus soños" e agradeceu que se apostara por dar "condicións de traballo dignas" aos artistas da vila.

O seu deseño está inspirado na infancia e na lenda do Monte Neme, concibindo o cartel como unha gran romaría. "Quixen recuperar a idea das meigas que se xuntaban para facer a súa gran cachela. É unha mestura de meigas, veciñas, nenos co caldeiro da auga, a banda de gaitas e elementos divertidos como unha sardiña a modo de dragón chinés", explicou a artista. Bermúdez tamén quixo reivindicar a figura das mulleres tradicionalmente vistas como "bruxas", que no fondo eran mulleres con coñecementos sobre plantas e ritos que hoxe forman parte da tradición de todos os carballeses.

Pola súa banda, o presidente da comisión, Sergio Varela, destacou que este ano "o cartel de Isa envolve un montón de elementos e conxunta todo o que é o San Xoán", non só unha sardiña.