Os sanitarios volveron reclamar en Carballo medidas de seguridade tras unha nova agresión

Trala nova agresión a un sanitario acontecida esta semana no Centro de Saúde de Carballo, a Xunta de Persoal da área Sanitaria da Coruña–Cee convocaba unha concentración ás portas do propio edificio para pedir o reforzo a seguridade coa incorporación dun vixiante que protexa aos traballadores.

Varios meses despois do comezo das mobilizacións, e despois de que as medidas non satisfagan aos profesionais nin garantan a súa seguridade, os sindciatos unidos volveron saír á rúa para esixir novas medidas.

Segundo explican, un erro informático no sistema de devolución de chamadas provocou que un usuario acudise ao centro e agredise ás profesionais de servizos xerais (PSX) situadas na entrada da instalación.

Para CSIF, xunto ao resto de membros da Xunta, este suceso súmase á preocupante escalada de agresións que xa denunciaron en numerosas ocasións e evidencia a falta de protección do persoal sanitario e non sanitario da área.
Esixen a incorporación inmediata ao centro carballés dun/a profesional que garanta a protección dos traballadores, xa que se trata dun centro de saúde que atende unha gran cantidade de poboación debido á súa distancia respecto a a cidade e debido ás súas características organizativas
Tamén se demanda a implantación de dispositivos de aviso inmediato, independentes dos computadores, que permitan alertar ao resto do persoal cando estea a piques de producirse unha agresión. “A Xerencia leva meses anunciando estudos sobre estes mecanismos sen adoptar medidas efectivas”.

A Xunta de Persoal reclama ademais protocolos previos e posteriores ás agresións, para previr situacións de risco e aplicar as medidas punitivas que correspondan cando estas prodúcense. “Imos seguir denunciando cada agresión e esixindo á Xerencia medidas reais de protección para garantir unha contorna laboral segura e digno”, subliñan.

Dende a Unión Sindical Obreira (USO) lembran que xa aconteceron demasiados sucesos, e reiteran a necesidade de establecer un plan integral de seguridade sanitaria, con vixilancia estable, máis medios preventivos e a coordinación efectiva coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.