Senda Nova prepara un roteiro para coñecer a "Vía Alcaianus"

Senda Nova presenta hoxe en Couso o seu próximo roteiro A asociación ambiental Senda Nova presenta hoxe, ás 20 horas, no local social de Couso - Coristanco - a ruta "Via Alcaianus". O roteiro, enmarcardo dentro do IV Outono en Marcha, discorre polos tramos da vía romana que abrangue os municipios de Carballo e de Coristanco e levarase a cabo o vindeiro domingo, 15 de novembro. Laura Mariño e Lorena Rojo son as encargadas de explicar os permenores da ruta e tamén informarán sobre como participar nesta andaina. Roteiro polas Terras do Marqués
Setenta camiñantes participaron na ruta do pasado domingo polas Terras do Maqués A pasada fin de semana, un grupo de 70 camiñantes participaron na ruta polas "Terras do Marqués" que tamén se enmarcan no programa do Outono en Marcha de Senda Nova. O roteiro comezou no pazo de Gontade, o máis antigo do concello de Carballo. A historia di que aqueles posuidores fidalgos estendían os seus dominios a noventa ferrados, que chegaban ata a Saleta de Silván. Tras o percorrido por estas terras, os camiñantes chegaron ata a igrexa de Ardaña mais pararon antes no cruceiro da parroquia que compite en importancia cultural coa propia igrexa. Próximo a este punto está un miradoiro dende o que se divisa a depresión meridiana. Para Evaristo, mestre en Zas e guía dos roteiros de Senda Nova, este é un dos accidentes xeográficos máis importantes do país. Os camiñantes puideron comprobar a súa teoría cando o terreo se puxo en costa e o val de Ardaña se contemplaba dende a aldea de Quintáns. O núcleo é un bo exemplo dunha aldea construída nun lugar ecoloxicamente perfecto para o aproveitamento das mellores terras de cultivo das agras máis baixas e o uso forestal das terras máis altas do monte da Peniqueira. O tercio é o lugar onde se asentan as poboacións máis antigas das parroquias de Ardaña, Rus e Entrecruces, unidas por unha senda e unha liña imaxinaria que une as tres igrexas. A pendente abriuse diante para subir á Peniqueira e para acoller ao animoso grupo de 30 rapaces e 4 monitores que forman a Escola Ambiental de Senda Nova e que estreaba ganas, ilusión e compromiso na súa primeira clase ao aire libre. Ós participantes sorprendeulles que enterraran os mortos tan arriba; xa que o alto da Peniqueira alberga dous dos túmulos funerarios que salpican a xeografía da Costa da Morte e moi cerca, no Coto do Castro, unha antiga aldea castrexa que recibe varios nomes segundo a parroquia dende onde se fale. O castro da Peniqueira ou de Martín Díaz fai divisoria entre Rus Ardaña e Artes,  lugar onde xa o antigo marqués de Vilardefrancos estendía os seus dominios.
Un grupo de camiñantes mediron o perímetro do carballo de San Antón Antes de chegar ó pazo de Vilardefrancos, os camiñantes quixeron medir o perímetro do carballo milenario que está próximo á fortaleza. O carballo de San Antón ten dentro moitos anos e lendas adicadas  ao amor. Dende alí, a expedición chegou ó pazo de Vilardefrancos. "Cando un entra no seu recinto pode respirar osíxeno medieval que nace na súa torre, orixe dunha construcción fermosa e inmensa. Sen dúbida moito ten que ver o coidadísimo exterior que nos ensina cada ano Chema, unha desas persoas que demostra compromiso en cada viaxe que facemos ao  lugar e que nos abre e se pon a nosa disposición, en canto necesitamos  aprender todo este fermoso patrimonio", indican dende Senda Nova. As sobreiras do rego do Calvelo foron seguinte parada e a igrexa de Artes e o pazo das Pallas foro o punto e final da ruta polas "Terras do Marqués". Novas relacionadas   Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.gal)
  • Senda Nova