Soltan 8 exemplares de píllara das dunas en Baldaio para seguir recuperando a especie
A píllara das dunas é, sen dúbida, unha das especies nas que máis está comprometida a administración para súa recuperación. A intención é que esta especie, calificada como “vulnerable” no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, volva recolonizar o norte da provincia da Coruña.
Nesa liña realizouse onte a solta de 8 exemplares na praia de Baldaio. Criados en catividade no Centro de Recuperación da Fauna Silvestre de Oleiros, unha vez que foron rescatados de niños abandonados do lugar, unha comitiva institucional comandada pola delegada da Xunta, Belén do Campo, xunto á directora territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Pilar Arias, realizaba a solta.
A delegada da Xunta destacou que as principais ameazas para estas aves son a destrución e alteración dos seus hábitats pola acción humana, como solta de cans nas praias ou a limpeza mecanizada dos areais, ademáis, tamén lles afecta a predación por parte doutras especies, entre outras accións. Neste senso, Belén do Campo fixo un chamamento á cidadanía para que se respecte escrupulosamente as sinalizacións e carteis informativos instalados nas praias galegas onde aniña esta especie.
A actividade en Baldaio contou tamén coa participación dos encargados deste proxecto da Universidade de Santiago de Compostela, Jesús Domínguez e María Vidal, profesor titular e técnica superior de investigación, respectivamente, do departamento de Zooloxía.
O programa
A píllara das dunas (Charadrius alexandrinus L.) é unha ave limícola de pequeno tamaño, de entre 150 e 175 milímetros de lonxitude. A poboación española sitúase maioritariamente na costa mediterránea e en Andalucía, mentres que a poboación da costa cántabro-atlántica do norte foi desaparecendo ata atoparse unicamente nalgunhas zonas de Galicia.
Esta poboación galega nidifica principalmente entre marzo e xullo en praias non urbanizadas, polo menos non en toda a súa extensión, e provistas de cordón dunar ou supramareal con vexetación máis ou menos dispersa. No período invernal (entre setembro e febreiro) a súa distribución é máis ampla, e ocupa ademais zonas do intermareal lamacento-areoso e praias urbanas.
Entre as medidas realizadas durante o ano 2024 instaláronse, destaca a colocación dun total de 64 parcelas de exclusión (para diminuír a incidencia de depredadores alados e terrestres) e se balizaron 40 áreas de nidificación naquelas praias onde se detectou unha elevada taxa de perturbación.
A delegada da Xunta informou que no ano 2024 recolléronse o 61 % dos niños abandonados polos proxenitores ou con risco elevado de perda por efecto das mareas, pero grazas ao programa de incubación artificial, destes niños naceron 36 pitos e conseguiuse que voasen 34. Desde o arranque deste programa, conseguiuse que voasen un total de 146 pitos.
Os ovos recóllense na primavera e incúbanse no centro de recuperación, onde nacen as crías e pasan algo máis dun mes. A esperanza media de vida é de 3 ou 4 anos e a etapa reprodutiva comeza aproximadamente ao cumprir o primeiro ano.
Belén do Campo subliñou que no último censo, realizado en 2024 na costa galega pola Universidade de Santiago de Compostela, a poboación nidificante foi de 86 parellas distribuídas nun total de 25 praias, a cifra máis alta rexistrada nos últimos 6 anos pero aínda lonxe do tamaño poboacional mínimo de 250 parellas que se estableceu como poboación viable para descualificala da súa categoría de “vulnerable”.
A combinación de todas estas medidas permitiu que a produtividade das parellas pasase de 0,6 a 1 pito voado por parella, taxa que se atopa mais próxima ao obxectivo de 1,5 fixado no plan de conservación da especie como necesaria para asegurar a viabilidade da poboación galega.