Estas son as melloras que suporá a creación do Centro Integral de Saúde de Carballo

Zona en obras onde se ampliará o Centro Integral de Saúde de Carballo

Novo pasiño para a posta en marcha do Centro Integral de Saúde de Carballo, o chamado CIS de Bergantiños. A reforma e ampliación do actual centro de saúde carballés, conta cun investimento previsto de 12 millóns de euros, e conlevará unha boa batería de melloras.

A reforma prevista suporá que o centro medre en máis de 1.800 m 2 , grazas á cesión dos terreos municipais dunha superficie total de 3.870 m2. Precisamente, onte o Consello da Xunta autorizou a aceptación dos terreos que cede o Concello de Carballo ao SERGAS para desenvolver dita ampliación.

O SERGAS ten previsto licitar a continuación a redacción do proxecto básico e de execución e dirección de execución da obra co
obxectivo de licitar as obras do CIS de Bergantiños en 2027.

Melloras

Entre as principais melloras, atopamos que o centro disporá de 25 postos de diálise, o cal permitirá que cada ano entre 35 e 40 pacientes reciban tratamento sen necesidade de desprazarse á Coruña. Concretamente, disporase de 21 postos de hemodiálise para pacientes crónicos; 2 para pacientes agudos; e 2 postos de illamento. Desta forma, pacientes dos concellos de Carballo, de Coristanco, de Malpica, da Laracha e de Cerceda deixarán de ser derivados para este tipo de tratamentos á cidade da Coruña.

O CIS suporá tamén a creación dunha área integral da muller, na que haberá, como novidade, unha consulta de obstetricia e rehabilitación de
solo pelviano.

A área de rehabilitación duplicará o espazo destinado para o ximnasio de fisioterapia, disporase de 3 novas cabinas de tratamento e a consulta de reumatoloxía contará cun espazo propio no novo centro.

O CIS de Bergantiños pasará das 14 consultas de medicina de familia actuais a 18; e incrementará de 11 a 14 as consultas de enfermería.

Tamén se aumentará o espazo para urxencias cunha nova sala. Estas ampliacións liberarán os espazos do Punto de Atención Continuada (PAC), que tamén poderá contar cunha nova consulta de medicina e unha área de recepción propia e independente da do centro de saúde.

Entre outras melloras, na área de saúde mental incluirase unha nova consulta de psiquiatría e outra de docencia; na de oftalmoloxía habilitarase un gabinete de exploración; e crearase unha área de docencia multiprofesional das especialidades de familiar e comunitaria, cunha aula de formación, dúas consultas de docencia médica e dúas de docencia de enfermería.

O novo centro aumentará, ademais, a área de especialistas cunha consulta de enfermería e outra de cirurxía.