Un mostra reúne en Carballo as dez mellores fotografías do certame Luis Ksado

Evencio Ferrero, Xurxo Lobato e Marcos Trigo inauguraron a exposición fotográfica As dúas salas de exposicións do pazo da Cultura, a situada no andar -1 e a Alberto Gente, localizada na baixocuberta do terceiro andar, acollen até o 7 de xaneiro a mostra "Retrospectiva. 10 premios Luis Ksado", que recolle as composicións fotográficas que resultaron gañadoras nas dez primeiras edicións do certame. O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo e o comisario da exposición, o recoñecido fotógrafo Xurxo Lobato, foron os encargados de inaugurar este conxunto de imaxes que, en verbas de Lobato, constitúen ás veces verdadeira "narración cinematográfica", xa que este premio pretende recoñecer o traballo do autor máis aló da calidade e valor dunha única fotografía, que puido xurdir froito do azar. Así, o obxectivo é ter en conta a capacidade da persoa situada detrás da cámara para narrar unha historia en imaxes. Entre os nomes que figuran entre os premiados hai que mencionar a Peter Marlow, Xulio Villarino, Vari Carames ou Fernando Fernández Paz, cuxas instantáneas poden verse no Pazo da Cultura con temáticas variadas que van dende a lacra dos lumes forestais ata o reflexo da idiosincrasia galega ou algo tan noso como estampas da Catedral de Santiago. Son dez olladas sobre temas moi diversos e o conxunto dá unha idea moi fidedigna do que se pretendía dende o inicio, entender a fotografía como unha linguaxe visual que expresa sentimentos, formas de pensar e de entender o mundo. O horario de visita para gozar con elas, de 18.00 a 21.00 horas. A historia do premio O Premio Luis Ksado naceu no ano 1997 con vocación de fomentar a creatividade fotográfica e ligada ao fotodocumentalismo. Foi unha iniciativa acollida pola Deputación da Coruña e mantida ao longo dos anos formando parte dos premios que se dedican á cultura e á arte. É un premio consolidado e cada ano vai en aumento a participación como mostra do interese que suscita e agora xa ten cumprida a súa edición número XII. Dende os seus inicios tivo unha vocación de ser un referente entre os concursos que se convocan en España e nas convocatorias que se teñen celebrado foron membros do xurado, entre outros, Manuel López, Josep Vicent Monzo, Arianna Rinaldo, Marisa Flórez, Raúl Cancio, Outumuro, Marta Daho, César Lucas, Pablo Juliá, Chema Conesa, Silvia Omedes, Isabel Muñoz, Oliva María Rubio e membros de Magnum Photo como Stuart Franklin, Bruno Barbey, Richard Kalvar, Chris Steele-Perkins, etc, algúns de medios tan prestixiosos como Magnum Photo. O concurso tamén tivo dende os seus comezos unha vocación itinerante que ten levado á exposición por diferentes puntos da provincia da Coruña e tamén por fora, xa que acaba de chegar de Madrid. Ao final, o Ksado é algo máis que un concurso, xa que é ademais unha aposta pola fotografía en todas as súas facetas. Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.gal)
  • Concello de Carballo