Unha auditoría estima que as empresas do polígono de Bértoa poden aforrar 800€ ao ano en enerxía

A empresa Enargal foi a encargada de realizar un estudo en 32 das empresas do polígono de Bértoa "No polígono industrial de Bértoa existe un potencial de aforro moi importante en iluminación e climatización". Ésta é a conclusión dunha auditoría enerxética encargada pola asociación de empresarios As Eiroas, cunha subvención do concello de Carballo. Os resultados déronse a coñecer onte, nun acto no que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, o presidente e o secretario da asociación As Eiroas, Antonio Gómez Caamaño e Juan Carlos Fernández, respectivamente, e Iván Andrade, xefe de proxectos da empresa Energal, encargada de realizar o estudo de consumos nas 32 empresas (das 162 que hai en total). Os técnicos visitaron as 32 empresas e realizaron un inventario exhaustivo dos equipamentos eléctrico e técnico, en xeral pouco eficiente no que respecta á iluminación e obsoleto en canto aos sistemas de climatización. Deste xeito, o consumo enerxético anual no polígono de Bértoa acada os 6.093.743 quilovatios/hora, o que equivale ao consumo de 793 fogares e representa un custe anual de 731.689,21 euros. A auditoría de Energal revela que a implantación de tecnoloxía máis eficiente permitiría reducir o consumo en algo máis de un millón de quilovatios ao ano, o que representaría un aforro económico de 129.724,10 euros (un 17,73%), e dende o punto de vista medioambiental deixaríanse de emitir 419,44 toneladas de CO2. 800€ ao ano Segundo as estimacións ofrecidas onte, os investimentos que terían que facer as empresas para acadar eses obxectivos estarían amortizadas nun prazo de 5-6 anos. O consumo medio en cada nave sitúase en 37.634 quilovatios/hora, que supón un gasto de 4.516,11 euros. Aplicando as medidas previstas nos informes individuais que se entregarán ás empresas participantes (basicamente cambios de iluminación, climatización das oficinas e axustes no proceso de traballo), poderían reducir a factura anual en 800,77 euros de media. Os representantes da asociación As Eiroas manifestáronse moi satisfeitos co traballo realizado e agradeceron a colaboración do Concello para poder acometelo. Así mesmo, indicaron que tamén se está a elaborar un censo de traballadores/as do polígono de Bértoa, que ronda “os 1.800 postos de traballo reais”, segundo asegurou o presidente. O alcalde de Carballo destacou a “sensibilidade” da patronal e a súa preocupación por mellorar a eficiencia e a competitividade das empresas do polígono de Bértoa, ademais de destacar o importante aforro de medidas como as implantadas polo propio Concello en instalacións deportivas e iluminación pública. “Os incrédulos cuestionaban o aforro, pero agora vese na factura que era verdade, e que o consumo reduciuse un 80%”, declarou Evencio Ferrero.