Unha renovación integral pecha durante unha tempada a rúa Río de Carballo

 
Antes e despois das obras da rúa Río de Carballo O próximo luns, 27 de agosto, arrancarán as obras de renovación integral da rúa Río de Carballo, unha obra financiada con fondos do plan provincial POS+ 2017 e que será executada pola empresa IAM Rumbo Instalaciones y Obras S.L. cun orzamento de 156.582,18 euros. Durante os tres meses establecidos para a execución dos traballos, a rúa Río permanecerá pechada ao tráfico desde o cruce con Fomento, aínda que as persoas residentes terán acceso aos seus garaxes a través da rúa Girona, tanto para entrar coma para saír. En función da execución das obras intentarase que o acceso estea habilitado tanto a primeira hora da mañá coma a última hora da tarde, e en calquera caso os cambios serán comunicados á veciñanza. Estes días repartiraselle unha primeira folla informativa. A rúa Río, paralela á Fomento e moi próxima ao río Anllóns, presenta na actualidade numerosas carencias. A simple vista a que máis chama a atención son as beirarrúas, das máis estreitas de Carballo; pero debaixo da superficie as canalizacións de abastecemento de auga e saneamento son de fibrocemento, e as redes de electricidade e telefonía son aéreas. Coa actuación prevista serán substituídas as redes de auga e saneamento, realizaranse as acometidas aos 24 solares da rúa, e tamén se canalizarán as pluviais. Ademais instalaranse soterradas as canalizacións de electricidade, teléfono, cable e gas, e colocaranse 9 puntos de luz. Polo que respecta ao tratamento en superficie, a rúa Río será semipeonil, en plataforma única, con distintos pavimentos de granito para a zona de circulación rodada e as peonís. Ademais da renovación dos servizos urbanísticos e da mellora da mobilidade peonil e a accesibilidade, o proxecto contribuirá tamén á mellora da imaxe urbana coa plantación de árbores e o axardinamento. Novas relacionadas https://quepasanacosta.gal/remodelacion-completa-da-rua-rio-de-carballo/ Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Concello de Carballo