A USO destaca a solidariedade de Carballo e da Costa da Morte na recollida de axuda humanitaria para Venezuela

Ana Vilariño (Responsable da recollida de USO na sede de Carballo) e Juan Cases (responsable da recollida na sede da Coruña)

A campaña do sindicato USO de recollida de axuda humanitaria para Venezuela, desenvolvida durante as últimas semanas, remata cun balance moi positivo, tras contribuír ao envío de preto de 80 quilos de medicamentos, ademais doutros artigos de primeira necesidade.

Esta cantidade acadouse grazas á colaboración de diferentes puntos de recollida, entidades, colectivos e persoas solidarias. A achega realizada desde Carballo e o conxunto da Costa da Morte foi fundamental e representa unha parte moi importante de todo o material enviado.
Durante a campaña, a cidadanía implicouse realizando doazóns, difundindo a recollida e colaborando na recepción, clasificación e preparación do material.

Carballo, como cabeceira da comarca, e a Costa da Morte no seu conxunto volveron demostrar a súa enorme calidade humana, a súa sensibilidade social e a súa capacidade de resposta ante situacións nas que a solidariedade resulta imprescindible.

Esta primeira recollida remata cun resultado moi satisfactorio, aínda que non se descarta a organización de novas campañas durante o vindeiro mes de setembro, co obxectivo de continuar canalizando axuda humanitaria e atendendo as necesidades que poidan xurdir.

A Unión Sindical Obreira lembra que "Cada medicamento e cada artigo achegado representan moito máis ca unha doazón: representan proximidade, esperanza e o compromiso dunha comarca que, unha vez máis, demostrou que a solidariedade non entende de fronteiras".