De Vacas trae a súa Vacanal Sinfónica a Carballo polo 8M

Carballo acolle o sábado 7 de marzo o concerto Vacanal Sinfónica do coñecido grupo galego De Vacas, que ademais de conmemorar o seu décimo aniversario nos escenarios e vir a encher o Pazo da Cultura da mellor música, empregará "o sarcasmo, a ledicia e a diversión", en verbas da concelleira de Cultura, Maruxa Suárez, para reivindicar a igualdade con motivo do 8M, Día das Mulleres.

Suárez estivo na presentación desta actividade acompañada da concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Maica Ures, da deputada de Igualdade de xénero, Sol Agra, e do alcalde de Carballo, Daniel Pérez. Todos quixeron subliñar que "a igualdade non pode converterse en algo estanco" senón que, segundo explica Ures, debe ser a "espiña dorsal" presente en todas as áreas de xeito transversal. Por iso, "nesta gran vacanal imos darlle a volta" a todas aquelas letras de cancións que sempre nos quixeron facer de menos, porque "se non sabes se algo é machista, dalle a volta a ver que che parece". 

 

 

O grupo presenta no Pazo da Cultura o seu novo espectáculo Vacanal Sinfónica, que conmemora o seu décimo aniversario. Inés Salvado, Paula Romero, Faia Díaz e Guillerme Fernández, acompañadas polo Coro da Rá, presentan unha proposta de gran formato con músicos en directo que revisa o seu repertorio nunha ópera en catro actos. Cancións, letras e vivencias desta década tan exitosa baixo unha escenografía impactante. Un concerto único con diversión, epicidade, vacanal… son as máximas para esta celebración chea de sorpresas e de colaboracións no escenario de artistas de gran renome no panorama musical galego.
As entradas están á venda na Billeteira do Concello desde o venres 20 de febreiro a partir das 15.00 horas.

Iria Pinheiro

Por outro lado, o venres 6 de marzo a Concellaría de Cultura presenta o espectáculo Vitória, de Iria Pinheiro. A obra é o retrato dunha denuncia. Unha peza de teatro autobiográfico que conta o proceso xudicial ao que se someteu a actriz cando interpuxo unha denuncia por acoso sexual contra o director do programa de televisión no que traballaba. Este espectáculo reconstrúe a historia que vai dende o 2017 a 2023 intercalando a documentación xudicial do proceso co xogo e a ironía características do cabaré. Iria Pinheiro, actriz e dramaturga, presenta unha proposta de teatro documental sobre reivindicación social e vulnerabilidade. A cita é a partir das 21.00 horas no Pazo da Cultura, está dirixida a público maior de 12 anos e as entradas están xa dispoñibles na BILLETEIRA do Concello.