A Xunta por fin conecta o polígono de Bértoa coa rede de autobuses con dúas novas paradas

Por aquí irá a nova parada de Autobuses "Pol. Bértoa Rúa Cobre", diante do viveiro de empresas

Grandes novas para o empresariado do Polígono de Bértoa. A Xunta vén de aprobar a creación de dúas novas paradas de autobús no polígono de Bértoa, no concello de Carballo, co obxectivo de mellorar as conexións do parque empresarial con Carballo e coa cidade da Coruña. Unha demanda histórica dende o empresariado carballés pensando sobre todo na cantidade de traballadores que se teñen que desprazar en bus ata os seus postos de traballo.

As novas paradas entrarán en servizo este luns, 25 de maio, e integraranse no itinerario de 10 servizos diarios de luns a venres, con cinco viaxes desde Carballo cara á Coruña e outras cinco no sentido inverso. Contribuirán a atender as necesidades de mobilidade das persoas que se desprazan diariamente á área empresarial para traballar e integraranse nas dúas liñas que conectan A Coruña con Fisterra.

"Xa estamos incluídos na rede de transporte público de Galicia, e iso é importante, é un salto cualitativo”, sinala Pablo Rodriguez, Xerente do Polígono de Bértoa, que considera ademais a oferta como "razonable" e adaptada ás primeiras peticións realizadas. "Agora toca darlle difusión aos horarios e as frecuencias para que a xente coñeza o servizo e a partir de aí cando a Xunta avalíe a haia demanda poidamos valorar a ampliación de servizo", sinala.

As paradas

Aínda sen a sinalización indicada, unha das novas paradas, baixo a denominación Pol. Bértoa (rúa Volframio), localizarase na rúa Volframio, á altura da rotonda que enlaza coas rúas do Ferro e do Cobre. A outra, denominada Pol. Bértoa (oficina de propietarios), situarase fronte ás oficinas da comunidade de propietarios do polígono industrial e comercial, na rúa do Cobre.

A Parada de buses da Rúa Wolframio no Polígono de Bértoa

5 servizos diarios en cada sentido

Para realizar o traxecto Carballo–A Coruña, as persoas usuarias disporán de cinco servizos diarios de luns a venres, con horarios de saída estimados desde a Estación de autobuses de Carballo ás 08,32, 09,22, 12,22, 15,08 e 17,53 horas. Os servizos efectuarán parada no polígono de Bértoa arredor das 08,37, 09,27, 12,27, 15,13 e 17,58 horas, respectivamente.

No sentido inverso, A Coruña–Carballo, tamén haberá cinco servizos diarios de luns a venres, con saída desde a Estación de autobuses da Coruña ás 08,15, 11,45, 14,00, 16,45 e 19,45 horas. O paso polo parque empresarial producirase arredor das 08,49, 12,18, 14,34, 17,19 e 20,19 horas, respectivamente.

A información actualizada sobre os servizos estará dispoñible para a súa consulta no portal web https://www.bus.gal/gl.