A Biblioteca Francisco Mayán celebra 20 anos de certames literarios

Un dos traballos do Certame de Comic da Biblioteca Francisco Mayan de Cee

Un ano máis, a Biblioteca Pública Municipal "Francisco Mayán" do Concello de Cee, da man do seu Técnico, José Ramón Rey Senra, abre o prazo de inscrición para os concursos culturais escolares. Eses certames que “obrigan” a que centos de nenos da bisbarra se acheguen aos libros, ao comic e ao teatro.

Así, xa están convocados o XXVI Concurso de Achegamento ó Libro, o XIII Concurso Na Procura do Noso Marcapáxinas e o VI Concurso Na Procura do Noso Cómic. Actividades que teñen como único fin animar aos nenos a ocupar o lecer na creación literaria e, deste xeito, fomentar o hábito da lectura.

O porpio Rey Senra dá conta ademais das novas máis destacadas deste ano. ”É motivo de satisfacción persoal lembrar que este ano o concurso de “Achegamento ao Libro” chega a súa vixésima sexta edición, e aproveito a ocasión para amosar o meu máis sincero agradecemento a todos os rapaces e rapazas que ano tras ano participan nestes concursos, que a día de hoxe son 6.601 os traballos presentados aos diferentes certames, xa que son eles os verdadeiros artífices e protagonistas destes concursos e a razón de ser dos mesmos”.

Como novidades respecto ao ano pasado, destacar que nesta edición tan só poderán participar os alumno/as de Educación Primaria, e que a dotación económica dos premios incrementouse en todas as categorías. Por outra banda, hai modificación de bases por cuestións “burrocráticas”, así que compre atender ás bases xa publicadas na web municipal.

A Biblioteca quere agradecer o compromiso da Imprenta Paco por facer gratuitamente os nosos marcapáxinas, tal como leva facendo os últimos once anos.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).