Aberto o prazo para participar cun posto no Mercado e Festa de Fin de ano de Carnota
O Concello de Carnota organiza, como xa vén sendo habitual, o tradicional Mercado de Nadal os días 27 e 28 de decembro de 2025, acompañado dunha gran Festa de Fin de Ano con orquestra e discoteca móbil.
O evento terá lugar no interior dunha carpa situada na Praza San Gregorio, que acollerá tanto os postos do mercado como as actividades festivas.
As persoas ou empresas interesadas en instalar un posto —xa sexa de comercio, artesanía, restauración ou cantina— deberán presentar a súa solicitude a través do rexistro xeral ou a través da sede electrónica do Concello de Carnota entre o 15 de outubro e o 15 de novembro de 2025.
Debido ás limitacións de espazo, o número de postos e cantinas será limitado. No caso de que o número de solicitudes supere a capacidade dispoñible, realizarase un sorteo público no salón de plenos do Concello, o día 18 de novembro de 2025 ás 12:00 horas, diferenciando por cada tipoloxía de posto.