Acento costeiro nos Premios María Casares do teatro galego

Foto de familia dos María Casares 2017

Xa avisáramos que a Costa da Morte copara as nominacións aos XXI Premios María Casares. E tamén os galardoados! Onte celebrouse no Teatro Rosalía Castro da Coruña a gala anual da escena galega, organizada pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). E o talento da nosa bisbarra volveu brillar.

As dúas obras máis galardoadas teñen un marcado acento costeiro. Falamos de ‘O tolleito de Inishmann’, de Contraproducións e FIOT Carballo, que se fixo con 5 galardóns, polos 4 de ‘Eroski paraíso’, de Chévere.

Así, o malpicán Santi Romay foi un protagonistas da noite, superando aos carnotáns Miguel de Lira e César Cambeiro como Mellor Actor do ano. Romay participou ademais directamente noutro dos galardóns da súa produción, o de mellor adaptación/tradución.

A obra de Miguel de Lira, Eroski Paraíso, de Chévere levou o premio á Mellor Música Orixinal, realizada polos muradáns Terbutalina, ademais do de mellor dirección e mellor espectáculo.

Non quedou sen premio o polivalente ceense Dani Trillo, levou o premio á Mellor Esceanografía por Foucellas, da súa compañía Talía Teatro.

Houbo tamén gheada e seseo no escenario, pois entre os actores estivo a nosa fisterrá Marta Lado.
Pola súa banda, Eduardo Alonso recibiu o Premio de Honra Marisa Soto e Imma António leu o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro.

O presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Ernesto Chao, destacou a “extraeordinaria colleita teatral de 2016” e quixo deixar espazo para as reivindicacións no seu discurso, sobre todo en clave de igualdade. Chao fixo un chamamento “aos guionistas, aos directores e directoras, aos dramaturgos e dramaturgas para que pensen nas mulleres á hora de facer o seu traballo”. “Onde están as nosas Medeas? Onde están as nosas Antígonas? Onde estánm as nosas Fedras, as Lisistratas, as Electras, as Hecúbeas e tantas ouras? E que non temos hoxe en día heroínas? Coido que si”, concluíu.

 

Máis información

Novas relacionadas

Máis novas audiovisuaus

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).