Adxudicadas as obras da ponte do Ézaro
Nun prazo de 3 meses a ponte do Ézaro sobre o río Xallas terá unha nova imaxe. A Consellería de Infraestruturas vén de adxudicar este contrato de obras da reparación da ponte da AC-550 que une os concellos de Dumbría e Carnota. Unha obra necesaria unha vez que a estructura ten varios danos que, aínda que non supoñen ningún perigo dende o punto de vista estrutural, poden reducir a durabilidade da ponte.
Serán case 325.000 euros para que a empresa Arias Infraestructuras S.A. acometa o selado das fisuras existentes; a reparación de desconchóns no formigón, previo tratamento das armaduras; a eliminación e prevención de humidades e mellora do drenaxe mediante: limpeza de humidades e mellora da drenaxe da calzada. Ademais do fresado do firme para impermeabilización do taboleiro e a repavimentación; colocación de sumidoiros e reposición de baixantes.
Por outra banda, tamén se mellorarán os sistemas de contención, reparación de varandas; colocación de nova barreira flexible metálica e de sinalización vertical. Prevense, ademais, obras complementarias como a reposición da protección metálica das canalizacións eléctricas e de telefonía e a instalación de elementos para a iluminación artística da ponte.
Fonte
- Xunta.