Durante o vindeiro mes de decembro e xaneiro, o concello de Carnota organiza unha serie de andainas saudables por algúns dos lugares máis emblemáticos do municipio. As citas arrancan o 3 de decembro coa ruta Casetas Mariñeiras - Camiño dos Costados; un roteiro circular con inicio e fin nas escolas de Caldebarcos. O percorrido transcorre nun principio pola beira do mar, observando as casetas de mariñeiros e as antigas fábricas de salgadura, para logo atravesar a costa ata a praia da Insuela. A ruta continúa por Panchés para dende alí acceder ata Chan de Lamas, onde os camiñantes verán e tocarán o Monte Pindo. Está prevista unha pequena parada Onde se Adora para repoñer forzas e desfrutar das vistas. O retorno farase polo Camiño dos Costados ata chegar ao punto de partida. A organización pon a disposición das persoas participantes as duchas da escola de Caldebarcos.
As seguintes citas serán o 17 de decembro, cunha visita ao Museo Arqueolóxico Aberto e o 14 de xaneiro coa subida ao Monte Pindo.
Inscricións
O prazo de inscrición está aberto ata o mércores antes de cada andaina. As persoas inscritas recibirán un correo de confirmación. As rutas xa están subidas ao Wikiloc.