Carnota, promociónase como destino ideal para o “turismo consciente”

Ovidio Rodeiro presentando o proxecto en Carnota

”Unha viaxe sostible para unha vida consciente”, así se chama iniciativa seleccionada para formar parte do programa O Teu Xacobeo impulsado pola Xunta de Galicia, que pretende colocar a Carnota como epicentro do turismo espiritual en Galicia. A pasada mañá de luns era presentado este proxecto fundamentado na espiritualidade do Camiño de Santiago, especialmente na súa prolongación a Fisterra.

Este carácter místico do Camiño a Fisterra é unha oportunidade para que o peregrino prolongue a súa estancia achegándose a Carnota, para iniciar ou continuar unha viaxe interior a través da práctica de actividades ao aire libre na busca da harmonía coa natureza e o equilibrio corpo e mente.

Mindfullnes, actividades de desenvolvemento persoal, con obradoiros e charlas complementarias para atopar do equilibrio persoal en contacto coa natureza, a cultura local e a influencia do Camiño de Santiago.

4 Xornadas de Turismo Consciente

O proxecto desenvolveranse en 4 xornadas, en temporada baixa, e en contacto coa natureza.

Xornada envellecemento activo para mulleres (24/09/19)

Enfocado a mulleres maiores de 65 anos, residentes no concello de Carnota. Inclúe un almorzo vegano na Casa O Fogar do Carpinteiro, pilates, menu saudable, sesións de ritmo e movemento, ioga, Pilates, Chi kung, tai chi, con movementos harmoniosos e unha sesión de “A memoria da tradición. Quitar o aire”.

Xornada creativa para mulleres (25/09/19)

Para mulleres artistas no campo das artes escénicas. Proponse a participación e encontro entre artistas locais e artistas galegas. As artistas locais son As pandereteiras da Solaina, un grupo de 7 mulleres que xurdiu da escola de música de Carnota. As artistas galegas serán Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza González, que teñen desenvolvido o espectáculo As fillas bravas, formado por 3 personaxes femininos que tocan a pandeireta.

Xornada colectivos en situación de vulnerabilidade (26/09/19)

Para mulleres en situación de vulnerabilidade, derivadas da colaboración coa ONG Médicos del mundo, para este proxecto. Cun programa semellante ao primeiro.

Xornada surf (27/09/19)

Para deportistas e afeccionados ao surf, derivadas da colaboración con Abel Lago, un prescriptor capaz de organizar grupos que veñen practicar ou recibir cursos de surf a Carnota.

A Senda das Estrelas

As actuacións que se propoñen teñen a súa orixe no proxecto tamén apoiado pola Xunta de Galicia, “A senda das estrelas, de Santiago a Compostela polo Finisterrae”, un produto turístico baseado na prolongación do Camiño a Fisterra, que incorpora etapas pola costa para dotar de valor engadido o proxecto, ofrecendo unha ruta circular sostible entre Santiago e Fisterra.

Un dos aloxamentos localizados en Carnota, a casa de aldea O fogar do Carpinteiro, ten experiencia en organizar con éxito Retiros de silencio de varios días en Carnota, aproveitando as oportunidades que ofrecen a praia e a montaña para realizar actividades de meditación, Ioga ou paseos conscientes, coa natureza como telón de fondo.
Ademais os restaurantes A Morosa e A Morada da Moa, que tamén forman parte de “A senda das estrelas”, teñen experiencia no deseño de menús saudables para ofrecer no restaurante ou con servizo de catering.

Novas relacionadas