Carnota non quere un cativo sen xoguetes
Xa arrecende a Nadal e a solidariedade, que ás veces depende demasiado das datas, xa se albisca. Xa nos presentaron o concurso de postais, e hoxe, as Concellerías de Cultura e Servizos Sociais de Carnota poñen en marcha, un ano máis, unha campaña de recollida de xoguetes.
A través desta iniciativa trátase de recoller xoguetes para que os nenos e as nenas de familias con poucos recursos poidan gozar dun agasallo nas festas do Nadal. As persoas que desexen facer a súa contribución, poderán acercarse á Casa Consistorial ou aos centros educativos (CEIP Carnota, CEIP Pindo e IES Lamas de Castelo) para deixar todos os xoguetes que queiran doar. Poden facerse doazóns ata o 12 de decembro, de luns a venres.
Prégase que os xoguetes estean en bo estado.
Rematado o prazo de entrega, o persoal das Concellerías de Cultura e Servizos Sociais serán as encargadas de levar os xoguetes recollidos nesta campaña a Cáritas Muros, para que eles repartan entre as familias máis desfavorecidas. Deste modo, todos os nenos/as poderán gozar dun agasallo nun día tan especial e esperado para eles como é o día de Reis, no que a ilusión e a diversión debe ser o que predomine en todos os nenos/as.
Novas relacionadas
Fonte
- Concello de Carnota.