Carnota quere ser “Amiga da Infancia e da Adolescencia”

A Concellaría de Igualdade e Diversidade do Concello de Carnota está a traballar no proxecto “Carnota Amiga da Infancia e da Adolescencia”. Con motivo da convocatoria do Selo Cidades Amigas da Infancia (CAI) de UNICEF, o Concello comezou un proceso participativo para detectar as necesidades e problemáticas deste sector da poboación. Queren así escoitar as nenas, nenos e adolescentes para construír unha Carnota Amiga.

O obxectivo é construír o I Plan Municipal de Infancia e Adolescencia e o Consello Municipal de Infancia e Adolescencia. Grazas a esta iniciativa incorporaranse os dereitos da infancia a todas as políticas municipais, para así ter sempre en conta a mirada das máis pequenas. Ademais, o Consello Municipal da Infancia e Adolescencia constituirá unha plataforma de participación para as crianzas, a mocidade, a comunidade educativa, o sector asociativo e cultural e o ámbito sanitario.

A día de hoxe, a concellaría coodinada por Reyes Quintela, está elaborando un estudo participativo sobre a situación deste sector da poboación. Grazas a el identificarán as claves para pensar nun Plan que fixe as prioridades e as necesidades de futuro. Todo irase compartindo no blogue http://carnotaamigadainfancia.blogspot.com.

”Cidade Amiga” no Víndemo Ver

No marco deste proxecto a Concellaría ten programadas diferentes actividades na Mostra de Promoción Local de Carnota “VíndemoVer”:

  • O 29 de marzo ás 12:30h terá lugar o obradoiro dirixido á infancia e adolescencia “Faite oír”. Neste espazo elaboraremos entre todas e todos un vídeo que rexistre este proceso. Unha grande oportunidade para que as crianzas e mocidade sexan as protagonistas dun vídeo.
  • Do 29 de marzo ao 1 de abril no stand do Concello exporemos o traballo realizado coas rapazas e rapaces a través dun “Fotocall”. Neste espazo toda a veciñanza poderá expresar as súas opinións sobre a situación da infancia e da adolescencia. O equipo técnico que lidera o proxecto estará no stand para explicar a todas e todos cal é o traballo que se está facendo.

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).