Un complexo carnotán recibe un premio polas súas cobertas sostibles e respectuosas

Refuxios do Porto de Quilmas

 

Os Refuxos de Porto Quilmas en Carnota, veñen de ser recoñecidos cun galardón que entrega a empresa Tejas Verea e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG). O complexo carnotán recibe o Premio Internacional de Arquitectura Cubiertas Tejas Verea á categoría Gama Eternal. Un premio que valora os proxectos que apostaron pola tella cerámica como aliada da sustentabilidade, a conservación histórica e a calidade construtiva.

A obra realizada ás faldas do Monte Pindo polos arquitectos Francisco Xabier Liñares e Alfonso Salgado Suárez, de Salgado e Liñares Arquitectos recibe un galardón de 3.000€.

Falamos dun conxunto de 7 cabanas ou ‘refuxos’ que evocan ás primeiras casetas tradicionais de pescadores, vellos refuxios de cuberta a dúas augas, que agora se elevan para mirar ao horizonte.
O xurado valorou o alto nivel de calidade da cuberta, na que se empregaron todas as pezas especiais que a tella Marsella da Gama Eternal ofrece. A instalación da tella é totalmente en seco (sen uso de morteiros), sobre unha estrutura de rastreles e impermeabilización mediante lámina impermeable transpirable.

Outros premios

Na categoría Gama Clásica o xurado declarou o premio ex aequo, outorgándoo a dous proxectos que compartiron o galardón: Villa Carolina en Cariño, (A Coruña), do arquitecto Jorge Juan Cao, e a rehabilitación da cuberta da Catedral de Ciudad Rodrigo (Salamanca), deseñada por Emilio Sánchez Gil, Fernando Sánchez Cadrado e Emilio Sánchez Cadrado do estudo Sánchez Gil Arquitectos.
Por primeira vez, incluíuse unha mención especial para novos usos das tellas cerámicas en deseño, señaléctica e revestimentos verticais, que recaeu na sinalización do Centro de Hidroterapia Spasinho en Outes, de Ricardo Tubío e Xabier Rilo, de Cenlitros Sociedade Cooperativa Galega.