Eliminados dous puntos de vertidos de augas residuais en Caldebarcos e Brens
Novas accións de saneamento as realizadas en Cee e Carnota por Augas de Galicia, conseguindo eliminar dous puntos de vertido de augas residuais, un de carácter municipal e outro de carácter particular no veciño municipio.
A rede de Carnota
Os técnicos do Programa de Control de Vertidos (PCV) localizaran un problema na parroquia de San Mamede de Carnota no marco dos controis que se realizan das estacións depuradoras de augas residuais (EDAR) para velar polo seu correcto funcionamento. Neste caso detectouse un problema na planta municipal pois non estaba a entrar suficiente auga nas instalacións, o que podía deberse a unha rotura nalgún punto da rede.
Por iso, o persoal de Augas de Galicia realizou unha revisión de todo o tramo de colector de saneamento e atopou unha rotura no sistema á altura da praia de Caldebarcos, onde o vertido acababa infiltrándose no terreo.
Ante esta situación, instouse ao titular das instalacións para que adoptase as medidas oportunas co fin de poñer fin aos aportes contaminantes ao dominio público hidráulico. Nunha inspección posterior verificouse a corrección desta incidencia mediante o arranxo da rede de saneamento coa instalación dun novo tramo de colector e o selado das fisuras existentes, o que puxo fin ao vertido.
Un particular en Cee
O episodio de Cee correspondíase cun vertido de carácter particular na parroquia de Brens posto que unha vivenda emitía augas residuais sen depurar directamente ao dominio público hidráulico, chegando a un rego innominado existente na zona.
Os técnicos do Programa de Control de Vertidos advertiron ao titular do inmoble desa situación irregular para que adoptase as medidas oportunas co fin de corrixila. Nunha inspección posterior á zona comprobaron que o punto de vertido fora eliminado trala conexión das augas residuais da vivenda á rede de saneamento municipal.