Os Jerreiros de Carnota celebraron unha singular andaina máxica

Jerreiros de Carnota de festa de fin de temporada

Empezaron sendo un club pequeno e agora xa son máis de 300 socios, contando cun cllub de atletismo con máis de 50 crianzas, un grupo de bicis, un fantástico programa de andainas e un grupo de trail-running. Os Jerreiros de Carnota seguen medrando e para agradecer o compromiso de tantas familias neste curso, organizaban unha xornada moi especial.

A bordo de Cruceros Fisterra, unhas 60 persoas Jerreiras viviron unha viaxe pola comarca percorrendo unha comarca que dende o mar aínda brilla máis. Moitos nunca viran dende o mar lugares tan emblemáticos como Caneliñas, Gures, Ézaro, O Pindo ou As Lobeiras, e mentres gozaban das vistas, tamén o facían dun bo piscolavis.

Xa en terra, de volta á fin da terra, realizaron unha andaina, pasando pola praia de Mar de Fóra, o monte de San Guillermo, o monte Facho, a estación telegráfica de Marconi e as Pedras Santas, descubrindo recunchos cheos de historia, natureza e maxia.

Ao regreso ao faro puideron gozar duns petiscos no Semáforo de Fisterra, que se brindou como patrocinador a axudar a facer medrar este club.

Aínda quedaba un último regalo: un solpor incrible dende esa terraza máxica do Semáforo, que poucos borrarán da memoria.

Solpor dende o Semaforo de Fisterra