Unha nova vida para a vella canle da central hidroeléctrica do Pindo
Fai uns meses defendín o meu Traballo Fin de Mestrado en Enxeñería de Camiños, Canais e Portos. Hoxe queríavos falar un chisco del, xa que me decantei, como xa ven sendo tradición, por proxectar unha obra na nosa contorna.
Digo que xa ven sendo tradición, porque fai uns anos, cando tiven que escoller proxecto para o Traballo Fin de Grao, ocorréuseme facer unha pasarela de madeira que unise o inicio da zona portuaria do Pindo coa ponte do Ézaro para facilitar o tránsito peonil. É ben coñecido o problema de seguridade que hai nesa zona para as persoas que se desprazan a pé entre as dúas poboacións. Pódese ver máis sobre isto aquí.
A idea consiste en aproveitar a vella canle da central hidroeléctrica do Pindo, construída en 1904. Esta canle, actualmente en desuso, brinda unha marabillosa oportunidade para trazar unha nova senda que permita descubrir, mediante unha ruta a pé, unha paraxe única sobre o río Xallas.
O trazado previsto percorre o camiño da antiga canle, transformándoo nun percorrido accesible que convida ao desfrute do contacto directo coa natureza. O proxecto contempla o acceso mediante a estrada DP-2308, dando continuidade a unha beirarrúa xa existente e instalando unha pequena zona de aparcamento.
Este novo proxecto ten como protagonista, unha vez máis, unha pasarela de madeira. Pode ser que teña certa debilidade por este material, aínda coñecendo as necesidades de mantemento que supón e a resposta non de todo óptima que está dando nalgunhas obras da bisbarra. En todo caso, o proxecto combina a madeira con aceiro nalgúns dos tramos máis complicados, seguindo unha sección similar á que se pode atopar no coñecido Caminito del Rey, en Málaga.
Foi para min un gusto poder dedicar o meu Traballo Fin de Mestrado a un proxecto localizado na Costa da Morte, un lugar que coñezo e sinto propio. Ademais, traballar sobre a vella canle do Pindo, que forma parte do noso patrimonio industrial e paisaxístico, pretende revalorizar un espazo esquecido pero cheo de potencial.
Por outra banda, resulta especialmente gratificante saber que o proxecto non fica nun exercicio teórico sen máis, senón que responde a unha realidade material e, de espertar interese institucional ou social, é unha proposta que se podería chegar a materializar dalgún modo a futuro.
- Alba Lestón. Con formación en enxeñería civil e experiencia como consultora de transporte, levo máis dunha década colaborando con Enxeñería Sen Fronteiras. No tempo libre, disfruto da ilustración e a lectura, deixando espazo para a creatividade e a reflexión.