Mobilidade e espazo público: unha reflexión pola Semana Europea da Mobilidade
Esta semana celébrase a Semana Europea da Mobilidade. O tema escollido este ano é “Espazo Público Compartido” e invítanos a reflexionar sobre como encaixar os diferentes modos de transporte no espazo urbano de forma segura e agradable.
Ás veces, dende as poboacións máis pequenas, dende as nosas aldeas e vilas, vemos a cuestión da mobilidade urbana como algo alleo; algo máis propio de análise nas cidades. E, se ben e certo que o modelo de transporte se complica a medida que vai crecendo a poboación, resulta importante considerar esta cuestión dende os inicios. O urbanismo e a distribución das nosas rúas condicionan completamente a forma na que realizamos os nosos desprazamentos diarios, independentemente do medio de transporte a utilizar.
Dende hai anos, moitas vilas seguen un modelo de crecemento urbano cada vez máis similar ao das cidades. Créanse polígonos nas aforas, onde as parcelas son máis asequibles. Alí establécense grandes superficies como supermercados e centros de traballo onde a xente se despraza a diario tanto para realizar a súa xornada laboral como para facer as compras máis básicas do día a día. Ademais, estes desprazamentos adoitan implicar varios quilómetros, facéndonos cada vez máis dependentes do uso do vehículo privado: dos coches.
Este modelo urbano responde a unha lóxica de mercado onde o crecemento económico é considerado clave para o benestar social. Pero por desgraza, no camiño por acadar esa meta, esquécesenos facer unha análise máis fonda das consecuencias que ten o crecemento das urbes desta maneira.
As vilas, pola súa propia definición, poderían ser espazos onde todos os servizos fosen accesibles nunha curta distancia factible de realizar a pé. A pesar diso, cada vez vemos pechar máis comercios locais pequerrechos. Entrementres, nós desprazámonos ás cidades para mercar en establecementos de moda rápida en grandes centros comerciais e volvémonos cada vez máis dependentes das compras en Internet, outra cuestión que impacta moito nos desprazamentos, neste caso non das persoas, senón dos produtos que estas demandamos.
A maior dependencia do uso do vehículo privado e o impulso das compras na rede, reflíctese nunha maior desigualdade polas dificultades de acceso que unha parte da poboación pode ter a estes recursos. Por iso é fundamental unha boa planificación urbana que garanta unha mobilidade segura, igualitaria e sostible. En definitiva, a mobilidade é tamén unha cuestión de xustiza social.
- Alba Lestón. Con formación en enxeñería civil e experiencia como consultora de transporte, levo máis dunha década colaborando con Enxeñería Sen Fronteiras. No tempo libre, disfruto da ilustración e a lectura, deixando espazo para a creatividade e a reflexión.
Máis novas relacionadas