Os Muíños de Caldebarcos volven sentirse vivos

Os Muíños de Caldebarcos van camiño de consolidarse como símbolo de recuperación das raíces máis auténticas da Romaría Tradicional. Ademais, a historia destes Muíños xa teñen unha data: Sábado 30 de Abril de 2011, día histórico en Caldebarcos. A ruta-romaría da que disfrutaron medio centenar de veciños e visitantes quedará na súa memoria e tamén na dos propios muíños, que volveron sentirse parte do pobo.

Foi completa a sesión. Pola mañá, a ruta polo Pindo desenvoleuse gozando das sorpresas que o monte ten aí desde sempre. Ademais, o que ten o Monte Pindo e que sempre hai cousas novas que descubrir. "Caemos na conta a cada paso, cando algún participante na ruta ve estes tesouros por primeira vez. Que marabilla!", describe un dos responsables da entidade Xurde Caldebarcos, César Cambeiro.

E como fixeran os membros da Asociación Monte Pindo, aproveitaron para sinalizar mellor a ruta. Así, cada veciño escribiu un cartel indicador para que todo o monte poida quedar sinalizado e que xa ninguén máis se perda, "nin con sol nin con borraxeira, e que calquera camiñante poida atopar calquera sitio. Bravo polas pintoras e pintores!!", claro que si.

Remata a ruta, e a xantar

A mediodía, tocou xantar coa comida que os veciños aportan e que fan coas receitas máis tradicionais. Pero ollo, tradicionais e modernas, que non deixan de aparecer novidades cos sabores naturais máis profundos, facéndonos posuidores dunha gastronomía aberta e en continua evolución.

A ritmo de Pregóns, Parrafeos e Coplas chega a merenda; a base de Papas de Millo, que adobiamos con Regueifas. Aí estaban chegados dende Bergantiños os regueifeiros máis devanceiros da nosa zona, Suso e Antonio de Xornes. Neles está todo o peso da tradición dos 4 bardos do verso que quedan na Costa da Morte, eles son os máis novos.

O colofón chegou da man da Queimada con dobre esconxuro, onde fixeron que "ouveen as bruxas e voen as fouces; e este ano ouvearon e voaron", asegura Cambeiro.

A sensación da familia de Caldebarcos é fantástica trala romaría. "Todo perfectamente ensamblado coma o encaixe de Camariñas", aseguran. "Pero hai que volver á terra, á realidade", reflexiona. I é que en sabendo onde estamos, a veciñanza de Caldebarcos segue agardando que "o Concello de Carnota se decida a botarnos unha man e, se non é moito pedir, que non contraprograme". Por eso piden que o Concello teña en conta á pequena aldea brava de Caldebarcos.

Novas relacionadas

Fonte

  • Información e fotos de César Cambeiro.