Abrindo novos sendeiros no Monte Pindo


Unha ducia de persoas seguiron a convocatoria do sábado desafiando un sol de xustiza para, convintemente armados con fouciños e outros enseres de desbroce, reabrir un camiño tradicional que levaba moitos anos impracticable polos toxos e as xestas, e aproveitando para recoller a toponimia e as lendas da zona.
O tramo recuperado transcurre desde a Solaina do Pindo ata a Pedra Cabalgada, un impresionante monumento natural en forma de bolo granítico xigante que, cal estatua, parece suxeitarse en fráxil equilibrio cunha peana.
Se ben a xornada foi moi produtiva, deixou pendente unha segunda visita, na que sinalarán o roteiro axustándonos á normativa internacional de sendeirismo e abrirán o camiño de numerosas árbores caídas polos sucesivos incendios, o que converte varios tramos nunha auténtica carreira de obstáculos.

Nace o «pinding», un novo e esixente deporte
Unha vez alcanzado o destino na Pedra Cabalgada, tiveron folgos para continuar ata a Cova dos Morcegos, ascendendo a pulso por duras e escarpadas ladeiras inzadas de outeiros graníticos.
Esta esixente actividade física, que a retranca dos participantes deu en bautizar como pinding, levounos ata a máis grande das covas coñecidas no Monte Pindo, duns 15 metros de fondo e unha altura dunha persoa adulta, e que salvou a numerosos veciños da represión franquista durante a Guerra Civil.

E como colofón da xornada, unha inesperada recompensa
A anécdota máis simpática produciuse xa ao remate da dura xornada. Un xubilado, veciño do lugar, sorprendeuse ao ver aos camiñantes derreados e recobrando as forzas na fonte da Solaina, polo que preguntou de onde viñan. Nada máis descubrir que acababan de recuperar este sendeiro que case nin recordaba, agredeceu o traballo e quixo ser o primeiro en inauguralo cun paseo na grata compaña do seu can. Este é, sen dúbida, o maior premio que podemos agardar ao esforzo dos membros da asociación.

Novas relacionadas
- O Monte Pindo é o protagonista dunha campaña publicitaria de Iberia.
- A Asociación Monte Pindo Parque Natural critica os intereses da Xunta para co macizo carnotán.
- 3 novos parques eólicos ameazan o Monte Pindo.
- O Parque Natural Monte Pindo chegou a 222 lugares do país.
- Quen é o que non quere o Parque Natural Monte Pindo?.
- Grupo de Facebook: Parque Natural Monte Pindo.
- Grupo de Facebook: Na Defensa do Monte Pindo.
- O Monte Pindo de Galicia e os grabados rupestres prehistóricos, por José Luis Galovart Carrera.
- Coñecendo as lendas históricas do Monte Pindo, por Jose Luis Galovart Carrera.
- Nota de prensa da Comisión Rectora da Asociación Monte Pindo Parque Natural.
- Fotos de Juan Louro.