Os veciños do Pindo manifestaranse polo seu saneamento

Son máis de 20 anos de espera e a veciñanza do Pindo non pode máis. O problema da falta de saneamento no centro do Pindo non se soluciona cunhas chuvias (si que mitigan o cheiro), e cómpre pasar a acción. Xa fixeron unha performance e mesmo contrataron unha analítica para chamar a atención das administracións. Pero as promesas van caendo polo seu propio peso.

A solución, o novo colector que a Xunta está desenvolvendo dende o Ézaro ata a depuradora de Panchés, tiña que levar anos en funcionamento. Nos últimos meses a Xunta veulle asegurando ao alcalde carnotán que a obra esta a piques de ser entregada pero xa pasou outubro, xa pasou novembro e a día de hoxe os veciños non teñen notificación ningunha nin por parte da Xunta nin por parte dun alcalde que amosou publicamente o apoio a todos os veciños en numerosas ocasións.

Os veciños, coa axuda ademais da activa Asociación Pedramar, están pensando en levar o asunto ao Parlamento a través do voceiro do PSOE local, Suso Campos.

Pero non será a única acción. A máis importante xa está convocada. Este vindeiro sábado 23 de decembro farán unha manifestación no Pindo na que esperan que participe todo o pobo e xente dos arredores. A saída será ás 17:00h dende a praza da Solaina facendo un percorrido ata o porto do Sinal e volta.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).