Os veciños e veciñas de Carnota contan cun novo espazo para o encontro
15 de outubro de 2015 (08:17 h.)
A partir de hoxe os veciños e veciñas de Carnota teñen á súa disposición a casa da Mariñeira, en Pedramarrada. O concello carnotán pretende que este sexa un lugar no que compartir o tempo e o saber da veciñanza, un espazo aberto ó encontro e á colaboración.
A inauguración deste espazo terá lugar hoxe, 15 de outubro, ás 20 horas coincidindo co día da Muller Rural. Durante o acto proxectaráse unha entrevista a Magdalena "a mariñeira de Quilmas".
O propio concello de Carnota indica que este é un proxecto "aberto a todas as suxestións que poidan xurdir" polo que comezará ofertando actividades como o cinefórum, un clube de lectura, un obradoiro de plantas e fabricación de xabrón, a creación dun blogue colaborativo sobre a "Memoria de Carnota", xogos de cartas, a promoción de xuntanzas veciñais con cafés nas que se pretende recuperar a tradición oral da zona e outras actividades como a recuperación de receitas de cociña tradicionais.
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.gal)
- Concello de Carnota