Pola recuperación da Ruta do Río dos Muíños do Monte Pindo

Levanos hoxe Quino Pais, amante das rochas do Monte Pindo, de ruta por un novo camiño. Xa nos ten levado polo recuperado Roteiro das Peixeiras descubrindo o Outeiro das Cacholas, aproveitando ademais para desbrozar e limpar o camiño.

Desta volta, lévanos polas Ruta do Río dos Muíños, que percorre o Chan das Lamas saíndo entre Quilmas e Panchés. É unha ruta pequena, de menos de 1,5km. O nome vaille ao pelo, pois seguindo o rio ata a desembocadura na praia de Carreiroa, hai un total de 19 muíños, un deles practicamente na praia.

Cóntanos Quino que “a ruta é ben bonita. Case todo o camiño ten o ancho para pasar un coche, que dá a impresión de que se fixo fai poucos anos cunha retroescavadora”. Pero a día de hoxe, “o problema é que está impracticable debido aos toxos”, a pesar das pasadas co ousiño que lle pegou, cunha intención de dar a coñecer o noso patrimonio e de recuperar un antigo camiño.

Por iso propón, unha xornada de desbroce aos voluntarios que se apunten.

Administracións?

O ideal sería que o Concello e a Consellería de Medio Rural tomasen en serio a zona, e intentasen restaurar algún muíños, como fixeron cos de Caldebarcos, onde a veciñanza tamén tivo traballo arreo.
Na actualidade, como podemos ver nas fotos que nos manda, quitando dous que teñen o teito con louzas de pedra e outros dous que están medio restaurados, os demais están cos muros ao aire libre, esmorecendo. De feito, a varios leváronlles as moas, que seguro que a día de hoxe fan de fermosas mesas en casas de campo da zona.

Camiñada-Limpeza

Quino ponse á disposición para realizar unha xornada camiñada-limpeza, así que non tedes máis que propoñer unha data a través do whatsApp (627 92 82 82), e avisar a QPC para promocionala e xuntar cantas máis máis posibles.

Novas relacionadas

Outras novas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).