Unha ocupación simbólica do Hórreo de Carnota porque Queremos Galego

Queremos Galego en Carnota

Auténtico o acto que armou este pasado sábado a A plataforma Queremos Galego Bergantiños-Costa da Morte no Hórreo de Carnota. A “ocupación simbóica” dos puntos máis emblemáticos da zona, que a plataforma comezou a desenvolver a comezos de ano tomando como punto de partida o Dólmen de Dombate.

“Cada maltrato á lingua é un maltrato colectivo ao pobo galego, unha mostra de desprezo ao principal elemento do noso ser”, destacou o voceiro Marcos Maceira neste acto que pretende “sensibilizar á veciñanza da situación pola que o uso do galego está a pasar, a peor da súa historia” e “articular unha ampla resposta colectiva a prol do galego” para "erradicar os vellos prexuízos contra o galego, que se viron acrecentados nos últimos tempos" e “recuperarmos os espazos que lle son negados á lingua propia do pobo galego, que é tamén lingua oficial”.

O acto comezou coa música tradicional do grupo de pandeiretas “Millo Verde”, da Universidade Popular de Corcubión. De seguido interviron o alcalde de Carnota, Ramón Noceda, antes da quenda de distintos personaxes destacados do mundo da cultura na comarca, como Paco Souto, Mónica Góñez, Alex López Romero, David Creus e Xisco Fernández, con intervencións e lecturas de textos.

“Queremos atención en galego. Queremos traballo aquí”, “cando na atención telefónica en empresas non utilizan o galego avánzase así na precariedade laboral, a emigración e a deslocalización de centros de chamadas, desprezando ademais a clientela”, declarou finalmente Maceira que, porén, se mostrou optimista de cara ao futuro do galego: “A acción diaria de centos de colectivos veciñais, deportivos, sociais, sindicatos, organizacións políticas, de pais e nais demostran que é posíbel unha outra situación para a lingua galega, que o galego está vivo e ten futuro porque unha grande parte do pobo galego así o quere” e rematou animando á todas e a todos a formar parte da maior asociación cultural do país: “ Mais temos tamén unha enorme ferramenta colectiva para frear esas agresións e camiñar para un futuro digno para a lingua e o pobo galego, sen a que serían moito máis difíceis os pequenos pasos que fomos dando. É un escudo protector colectivo e un motor necesario para seguir cara adiante que precisamos pulir e engraxar todos os días e que vos pido que apoiedes, asociándovos, colaborando, participando, individual ou colectivamente. É A Mesa pola Normalización Lingüística, que en abril fará 30 anos”.

“Millo Verde” puxo fin a este acto coa interpretación de varias pezas de música tradicional galega e a xornada rematou cun xantar popular na área de lecer de Mar de Lira.


Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com.