Volven as Tardes con Apego para as crianzas de Carnota

Esta semana comeza un novo ciclo das Tardes con Apego, unha iniciativa do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) dirixida á primeira infancia que, desta vez, incorpora actividades organizadas conxuntamente coa Axencia de Lectura Municipal de Carnota e financiadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia a través do programa Ler Conta Moito. 

Estas actuacións teñen por obxectivo favorecer a crianza e a socialización en galego na primeira infancia e achegar as nenas e os nenos ao mundo do libro e da lectura dun xeito lúdico nos primeiros anos de vida.

Todas as actividades son de balde, pero algunhas delas teñen prazas limitadas e requiren inscrición previa por correo electrónico (cultura@carnota.gal) indicando: o nome e a idade das crianzas, o nome das persoas adultas acompañantes (máximo 2 por familia), un teléfono de contacto e o nome da actividade ou actividades para as que se solicita a inscrición.

A inscrición pode realizarse ata as 12:00 horas do mesmo día da actividade.

Cantacontos para bebés | Pablo Díaz

O músico Pablo Díaz conducirá as familias participantes nunha viaxe a través dos contos, coa música como fío condutor, abordando temas e rutinas adaptadas á primeira infancia e axudándose de instrumentos como a frauta, a guitarra ou a harmónica, así como dalgún dos seus temas máis populares. Grandes e pequenos/as axudarán a cantar e entoar melodías e retrousos neste espectáculo participativo para gozar dos contos e a música en familia.

  • Actividade de balde con inscrición previa (cultura@carnota.gal).
  • Data: venres, 10 de outubro de 2025
  • Hora e lugar: 17:30 h | Salón de actos do Concello de Carnota
  • Idade recomendada: de 0 a 5 anos.
  • Duración: 40 minutos

 

Contamaxias. Maxia divertida| O Mago Paco

O Mago Paco é un personaxe moi peculiar que non para de enxeñar novos trucos para sorprender a cativada. Contamaxias é un espectáculo dinámico e divertido, onde a maxia se mestura con historias, xogos e sorpresas para gozar dunha tarde inesquecible en familia e descubrir xuntos que a maxia está nos contos.

  • Entrada libre e de balde ata completar a capacidade do local. Non se require inscrición.
  • Data: venres, 18 de outubro de 2025
  • Hora e lugar: 17:30 h | Salón de actos do Concello de Carnota
  • Idade recomendada: de 3 a 103 anos.
  • Duración: 50 minutos

Aprende con Leo. A festa de Leo | Trémola Teatro

Aprende con Leo é una colección de espectáculos sensoriais para bebés da compañía Trémola Teatro. As nenas e os nenos participantes vivirán unha nova aventura con Leo, o león máis curioso de toda a selva. Desta vez, Leo preparou unha festa para todos os seus amigos e amigas: O Elefante Ante, a Tartaruga Uga, o Paxaro Carpinteiro, a Bolboreta... Quere que todo saia ben. Conseguirao? 

  • Data: venres, 24 de outubro
  • Hora e lugar: 17:30 h | Salón de actos do Concello de Carnota
  • Idade recomendada: de 0 a 5 anos
  • Duración: 40 minutos

 

Nanocontos: Nano vai á escola | Raquel Queizás

Nano vai á escola é un espectáculo da serie Nanocontos, de Raquel Queizás. Nano é unha ra pequena, que vive cada día unha nova aventura, porque cando se é tan pequena, ata as cousas máis sinxelas se converten nun reto.  Este ano Nano vai ir por primeira vez á escola e será nese lugar tan diverso onde vai descubrir que a seguridade de termos personalidade e lingua propia van ser un gran apoio.

  • Data: venres, 14 de novembro
  • Hora e lugar: 17:30 h | Salón de actos do Concello de Carnota
  • Idade recomendada: de 1 a 5 anos
  • Duración: 40 minutos