26 días, o tempo medio de espera no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee

Facía balance a dirección dos resultados da actividade asistencial desenvolvida no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee ao longo do primeiro semestre deste ano 2016, considerándoos satisfactorios. Destacan que o tempo medio de espera para unha intervención cirúrxica en patoloxías de prioridade 1 situase en 8,6 días. Ou exemplos como que a 30 de xuño non había ningún paciente á espera de ser atendido en vía rápida de cancro colorrectal.

Pero a cifra máis relevante é que o número de pacientes en lista de espera para unha primeira consulta por enfermidade diminuíu de forma importante, pasando de 2.400 do ano pasado aos 1.632 deste ano, situándose o tempo medio de espera en 25,8 días, é dicir, 17,6 días menos que no mesmo período do pasado ano.

A actividade xeral na área de consultas externas, aumentou nun 2,5%, pasando das 32.457 consultas no primeiro semestre do ano 2015 ás 33.259 neste ano 2016. As primeiras consultas de enfermidade foron 600 máis que no primeiro semestre do ano 2015.

Área cirúrxica A actividade cirúrxica neste primeiro semestre do ano en curso aumentou lixeiramente en comparación co ano 2015, realizándose un total de 1.779 intervencións cirúrxicas. Cabe salientar tamén o aumento do número de intervencións cirúrxicas programadas con respecto ao pasado ano. E moi salientable o esforzo e a labor do control das patoloxías consideradas de gravidade, o que ven a significar que o importante da actividade é dar resposta á situación particular dos usuarios e á súa situación clínica e non tanto ao número total de intervencións realizadas. A 30 de xuño deste ano 2016, o tempo medio de espera para unha intervención cirúrxica en patoloxías con prioridade 1 no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee situouse en 8,6 días. O tempo medio de espera global para ser intervido cirúrxicamente diminuíu de xeito significativo, pasando dos 40,2 días do ano 2015 aos 38 días este ano. O número de pacientes en lista de espera para ser intervido cirúrxicamente mantense en cifras aceptables e moi parecidas, pasando de 393 en 2015 a 407 neste ano 2016. A xestión que se está a facer no Hospital Virxe da Xunqueira posibilitou un mantemento do rendemento cirúrxico, situándose no 81% neste primeiro semestre do ano, dato similar ao do ano pasado. Área de hospitalización A cifra total de ingresos acadou as 1.491, fronte os 1.623 do ano 2015. A estadía media mantense en cifras similares ao ano pasado situándose en 5,3 días fronte aos 5,6 do ano 2015. Área de urxencias O número de urxencias atendidas mantense nas mesmas cifras en comparación ao pasado ano, 8.282 en 2016 fronte ás 8.284 en 2015. Mentres que a taxa de ingresos realizados diminuíu con relación a o ano anterior, situándose en 16,64 % neste primeiro semestre. Vías rápidas A 30 de xuño non había ningún paciente á espera de ser atendido en vía rápida de cancro colorrectal. Neste primeiro semestre do ano atendéronse 2 pacientes nesta modalidade asistencial. Probas diagnósticas Mantéñense en tempos razoables as esperas para a realización da maioría das probas diagnósticas e/ou terapéuticas, con diminución na maioría das mesmas. O tempo medio de espera para a realización dunha proba de TAC é de 6,6 días; en canto á realización dunha proba ecográfica, a espera situase nos 16,8 días.

Fonte

  • HVdX.