Activada a situación de prealerta de seca na bacia do Río Castro

As caldeiras do Rio Castro venen moi baixas-Foto-Javi Mos

Xa nos parecía estrano que co verán seco que levamos non houbese os problemas de seca doutros anos. Pois parece que os encoros levan aguantando ata ben entrado o mes de setembro, pero tan poucas precipitación xa provoca que salten as primeiras alarmas.

Curiosamente, desta volta non é o encoro da Fervenza o protagonista negativo. A Xunta, a través de Augas de Galicia, vén de “activar a situación de prealerta de seca” na bacia do río Castro, ademais de varias bacias atlánticas do sur da provincia da Coruña.

Así, concellos como Vimianzo, Muxía, Dumbría e Cee poderíanse ver afectados se non chega a chuvia.

En todo caso, dende a Consellería de de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio sinalan que “a prealerta só supón un incremento do seguimento, dado que as grandes reservas de auga da zona presentan un estado normal para esta época do ano e non se ten constancia de incidencias por carestía de recursos en pequenos abastecementos.
Non obstante, pese o menor caudal circulante observado nos ríos, os recursos para o abastecemento dos grandes núcleos de poboación destas zona están garantidos. A situación actual podería chegar a afectar só a pequenos abastecementos que se nutran de captacións directas nos ríos ou pozos, aínda que polo momento non se ten constancias de incidencias neste aspecto”.

Máis información

Fonte

  • Xunta.
  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).