Nacen novas propostas de Danza urbana en Ponteceso e Biodanza en Cee
Segue a danza buscando o seu espazo na comarca, e son dúas as iniciativas relacionadas que se ofrecen neste outono na comarca:
Biodanza en Cee
Javier Avenza reside en Cee dende hai varios anos e está poñendo en marcha un proxecto de Biodanza. Xa comezou en Fisterra a primavera pasada e tamén a deu a coñecer na Semana Cultural do IES Agra Raíces.
Avenza pon en valor esta novedosa actividade, un sistema que chegou a España xa hai 30 anos pero que aínda é unha descoñecida. "Non é sinxelo de explicar nin de entender ata que non se practica, pero dunha forma moi resumida poderíase dicir que é un sistema que, a través da música, o movemento e o grupo, desenvolve cada vez maior coherencia entre o que pensamos, o que sentimos e o que facemos e, en consecuencia, axuda a gozar máis da vida", explícanos.
Ten unha web informativa e invita a participar na clase gratuita que vai realizar o sábado 27 de setembro, como a apuntarse para participar nas clases sabatinas.
Danza Urbana en Ponteceso
O Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, organiza un obradoiro de danza urbana o día 27 de setembro, de 10:00 h a 13:00 h no Edificio das Escolas.
As persoas interesadas poden inscribirse no 981714000 (ext. 1016) ou achegarse ao Edificio das Escolas (Rúa Teresa Mosqueira Manso) o día 27.