O BNG de Cee pide apoio para as reivindicacións laborais do cadro de persoal de Xeal
O BNG de Cee vén de rexistrar unha moción no Concello na que solicita á corporación municipal que amose o apoio institucional ás reivindicacións do cadro de persoal de Xeal, en defensa dun convenio colectivo digno que garanta o mantemento do poder adquisitivo e unhas condicións laborais xustas. Na iniciativa, que será debatida en pleno este venres 27 de marzo, a formación nacionalista insta á dirección da empresa “a desbloquear de maneira inmediata a negociación colectiva, actuando con boa fe, con responsabilidade social e vontade real de acordo”.
Así mesmo, o BNG pide á corporación ceense que aposte pola defensa do emprego industrial na comarca, garantindo a vinculación efectiva entre a explotación hidroeléctrica e a actividade produtiva e o mantemento dos postos de traballo en Xeal. Ademais, insta á Xunta de Galiza a exercer as súas competencias “para velar polo cumprimento das condicións da concesión e polo interese público, asegurando que os recursos naturais da comarca revertan en emprego e desenvolvemento económico”.
Os nacionalistas sinalaron que na actualidade a negociación do convenio colectivo da compañía “leva máis dun ano sen avances significativos, nun contexto marcado pola perda continuada de poder adquisitivo das persoas traballadoras, o deterioro das condicións laborais e a perda de máis de 80 postos de traballo nos últimos anos”.
O BNG de Cee considera que Xeal constitúe un piar fundamental no tecido industrial e socioeconómico dos concellos de Cee e Dumbría, así como do conxunto da Costa da Morte. “A súa actividade industrial e a explotación dos recursos hidroeléctricos estiveron historicamente vinculadas ao mantemento do emprego e ao desenvolvemento económico da comarca”, insistiu a organización nacionalista