O BNG de Cee pide que non se vulnere a lei de normalización nas sinais municipais

Sinais en castelán sobre recollida de deposicións dos cans

Un sinal novo colocado polos operarios municipais en diferentes puntos de Cee, indicando aos donos dos cans que recollen as deposicións, chamou a atención do BNG. Pero fíxoo pola lingua usada, pois se ben concordan coa mensaxe, esta está en castelán.

Desde o BNG local van solicitar, vía escrito rexistrado a atención da alcaldesa, que “se corrixa esta anomalía, xa que esta situación vulnera claramente a lexislación vixente sobre a oficialidade do galego e o uso deste como lingua propia das administracións locais”.

Lembra o BNG que “O Estatuto de autonomía, dispón no seu artigo 5 que “a lingua propia de Galiza é o galego”, e que os poderes públicos de Galiza garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa”.
Lembra tamén a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, indica no seu artigo 4.1 que “o galego é lingua oficial das institucións da comunidade autónoma e da súa administración; e o artigo 6.3 do devandito texto legal insta aos poderes públicos de Galiza a promoveren o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns. Máis concretamente, a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galiza, que no seu artigo 7 promulga que “o galego, como lingua propia de Galiza, éo tamén da súa administración local”, e continúa dicindo que “todos os actos de carácter público ou administrativo que se realicen por escrito en nome das corporacións locais redactaranse en lingua galega”.