O BNG de Cee solicita que se revisen as obras que poden afectar ao Camiño Real e pide que se fagan catas
En decembro de 2013, o Consello de Xunta aprobaba a construción dunha rotonda na AC-552 para dar servizo a un novo acceso ao parque empresarial e que sería tamén un vial de entrada ao Mercadona. Dous anos máis tarde, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza anulaba ese acordo por incumprimentos nas normas de accesibilidade e anchura, logo da denuncia dun veciño.
No ano 2023 comezouse coa avaliación de impacto ambiental para poder executar as obras de remodelación do acceso e así, cando se rematasen, licitar as obras, unhas obras que afectarán a glorieta, ao víal de acceso ao parque e que tamén poderían afectar ao Camiño Real, cualificado de histórico, e que servirá para garantir o acceso peonil.
Ante este posta en perigo do patrimonio histórico de Cee, o grupo do BNG vén de solicitar ao goberno que nesta situación interceda ante quen corresponda, para que se efectúen catas no Camiño Real a fin de comprobar si debaixo podería existir unha calzada romana ou medieval.
As sospeitas
Para o BNG hai indicios suficientes como para pensar que podería haber grandes tesouros arqueolóxicos. Aparece no proxecto Viator, amparado polas principais universidades europeas para tratar de localizar as calzadas que percorrían todo o imperio romano, unha calzada principal que pasa por Brandomil, e da que sae un ramal camiño de Fisterra e Muxía. Ás veces a única proba documental que queda dun resto histórico é a toponimia e por iso dende o BNG pensan que non é casualidade que o que pasa por Cee o faga exactamente por un punto denominado Casa do Camiño.
Aí nace o ramal que aparece nos documentos coma Camiño Real e que era a antiga saída da Vila de Cee cara a Coruña e Santiago; posto que a estrada de Brens a Dumbría non existía e o Camiño Real que pasaba por Dumbría e o Marco do Couto desembocaba en Xallas.
O ramal que atravesa Cee, curiosamente denomínase “Rúa Calzada” ou Camiño da Calzada. "Esta toponimia pódenos dar moitas pistas sobre a posibilidade de que debaixo dese camiño exista un Camiño Real que debería ser recuperado e posto en valor, pero que incluso por debaixo exista unha calzada máis antiga, unha Calzada Romana que atravesara Cee, que cruzara por “Caminos Chans” (Quen sabe se facendo referencia á boa calidade coa que construían os romanos as súas estradas) e finalizase, moi posiblemente, nalgunha industria romana tan estendida polas costas galegas", entende o grupo.
Por todo isto, Propoñen que se interceda para facer os estudos necesarios a fin de confirmar, ou non, a existencia deses vestixios, a súa posta en valor en caso de ser atopados e a adaptación do proxecto para que a actuación consista nunha recuperación e non na perda de património histórico de Cee, tan castigado en tempos anteriores.