O BNG pide á Xunta que obrigue a XEAL a manter os postos de traballo

O BNG pediu á Xunta que requira a XEAL para frear a destrución de emprego na empresa e mellorar as condicións dos traballadores e traballadoras no novo convenio colectivo, que está pendente de aprobar, mellorando o poder adquisitivo e os dereitos laborais do cadro de persoal.

Nunha pregunta parlamentaria impulsada polo deputado Oscar Insua este venres 28 de maio na Comisión de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, o Secretario Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez Iglesias, admitiu a contabilización da perda de 50 empregos, aínda que o comité de empresa afirma que superan os 90 desde o ano 2019.

Oscar Insua recriminoulle a Vázquez Iglesias que non frivolizara coa destrución de postos de traballo. “En todo caso, se a sentenza do TSXG ditaminou que hai que manter o emprego, o que está claro é non se pode perder nin o primeiro, porque é contrario a manter o emprego, polo que hai que esixir o cumprimento da sentenza á empresa, e desde logo, mellorar as condicións dos traballadores”, insistiu o deputado nacionalista.

Insua denunciou "a situación de tensa calma na empresa, e a actitude da empresa cos traballadores e traballadoras na negociación do convenio colectivo, negándolles mellorar as condicións laborais e económicas do anterior convenio, xa caducado". “E todo isto, despois de recibir máis de 30 millóns de axudas públicas nos últimos cinco anos, e ter beneficios millonarios cada ano”, manifestou o parlamentario do BNG, que considerou esta situación “un auténtico despropósito”, e instou ao goberno galego a interceder coa empresa para chegar a un acordo xusto co cadro de persoal.

O deputado nacionalista comentou que a actividade na fábrica de Brens “está totalmente parada, non está en funcionamento ningún forno, polo que estase a xerar unha situación de incerteza tanto entre os traballadores e traballadoras como na comarca”, e preguntouse “como é posible que por un lado comezaran a construír a planta de conversión de madeira en carbón vexetal, proxecto declarado estratéxico polo consello da Xunta, namentres vaise comprobando como se desmantela a industria de ferroaliaxes”.