A cativada do Manuela Rial, de compras ao Mercado Municipal
O alumnado de Educación Infantil do CPR Plurilingüe Manuela Rial Mouzo visitou este martes o novo mercado municipal de Cee nunha actividade enmarcada dentro do Plan Proxecta e o proxecto “Voluntariado Miúdo”. Esta iniciativa ten como obxectivo fomentar valores como o consumo responsable, a importancia de mercar no propio pobo e o apoio aos produtos de proximidade.
Durante a visita, os nenos e nenas percorreron os distintos postos do mercado, onde tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man o labor das persoas encargadas, dialogar con elas e descubrir os produtos que ofrecen. A experiencia resultou moi enriquecedora, xa que o alumnado gozou ao tempo que aprendía sobre os diferentes productos.
Como peche da actividade, os pequenos e pequenas agasallaron aos comerciantes con bolsas recicladas, elaboradas no propio centro e decoradas por eles mesmos. Con este xesto, quixeron transmitir unha mensaxe de concienciación sobre a importancia de reducir o uso de plásticos e apostar por un consumo máis responsable.