Cee estrea o seu Punto de Actualización de Documentación
Que importantes son estes novos mecanismos de achegamento ao rural da administración electrónica para loitar contra o abandono do rural e contra a fenda dixital.
O Concello de Cee é xa un dos 7 puntos da provincia (como As Pontes, Melide, Noia, Ordes, Rianxo, Sada e Vimianzo) que conta cun Punto de Actualización de Documentación (PAD) da Policía Nacional. Recentemente instalado na Casa da Cultura, o PAD "facilita os trámites á veciñanza non só de Cee senón de todos os concellos da área e evita desprazamentos innecesarios á cidade da Coruña para realizar xestións co DNI”, como destacou onte a subdelegada do goberno María Rivas.
Este novo dispositivo permite renovar os certificados e as claves electrónicas do DNI. Ademais, facilita a activación da aplicación /MiDNI/, coa que calquera persoa pode levar no móbil unha versión dixital oficial do seu DNI, cun simple proceso de validación no propio punto de actualización. Ademais, os PAD son accesibles para persoas con discapacidade. O seu obxectivo é facilitar á cidadanía dos núcleos urbanos que non contan cunha Unidade de Documentación o acceso á Administración pública, mellorando a calidade dos servizos e reducindo as desigualdades territoriais.
Co DNI no móbil pódense realizar, entre outras cousas:
* Acreditar presencialmente a identidade (a condición de que haxa unha conexión de datos)
* Exercer o dereito ao voto
* Establecer calquera tipo de relación xurídica
* Asinar escrituras ante notario
* Acreditar a identidade en trámites presenciais ante a administración
* Levar a cabo trámites administrativos presenciais en universidades e centros docentes (tanto públicos como privados)
* Acreditar a maioría de idade
* Abrir unha conta bancaria
* Formalizar seguros de calquera tipo
* Rexistrarse nun hotel
* Alugar un vehículo
* Comprar entradas ou billetes nominativos que requiran identificar ao titular interesado
* Transaccións comerciais presenciais nas que se requira un DNI en vigor ou acreditar a identidade do interesado
* Realizar un control de acceso a edificios
* Acceder a diferentes locais de espectáculo (cinemas, teatros, concertos etc.)
* Recollida de paquetería (Correos, mensaxerías, …)
* Retirada de medicamentos en farmacias...
A Policía Nacional é a encargada de implantar estes terminais nas diferentes localidades da provincia e en diferentes puntos estratéxicos galegos.