Cee presume de Praceiros, e de obras
Doble nova chega estes días da man do Concello de Cee en materia económica. Por un lado trátase da campaña "Presume de praceiro/a", animando ao consumo local. E polo outro, as obras que vén desenvolvendo o Concello.
"Presume de Praceir@"
O Concello de Cee colabora coa Consellería de Economía e Industria para a posta en marcha dunha nova edición da campaña Presume de praceiro/a, que ten por obxectivo poñer de relevo a figura profesional dos praceiros, ao tempo que se incentivan as compras e se promocionan e visibilizan os mercados e prazas de abastos como referentes na compra de produtos frescos e de calidade.
Na iniciativa, os clientes dos mercados poderán votar polo seu praceiro ou praceira favorita do mercado municipal de Cee. Entre todas as votacións recibidas celebraranse dous sorteos, un o día 12 de abril, e outro o 3 de maio, nos que se extraerán tres papeletas que resultarán premiadas con 75, 50 e 25 euros en bonos de compra para impulsar as vendas dos propios mercados. O mellor praceiro ou praceira de cada praza sairá do reconto de todos os votos recibidos, e os elixidos verán recoñecida a súa profesionalidade e dedicación nunha homenaxe pública.
Obras de axardinamento
A concelleria de obras e servizos do Concello de Cee levou a cabo unha renovacion de diversas zonas axardinadas do concello, para mellorar o seu aspecto e facilitar o seu mantemento. Asi, recuperou zonas especialmente degradadas e esquecidas como a praza dos Xuncos, a zona axardinada da Avda. Fernando Blanco situada en frente do instituto, os pequenos xardins da rua d'arriba, os da rua da coruña, en frente de correos, ou os situados baixo o parque da antiga escola de nenas. A actuación consistiu na colocación dunha malla antiherbas cuberta de grava branca e a colocación de pequenas plantas ornamentais.
No parque situado a carón do museo da Fundación Fernando Blanco levouse a cabo unha exhaustiva limpeza que fai recuperar o seu colorido orixinal despois dun inverno tan chuvioso. Tamen se están a lavar e limpar de musgos todos os calexons do casco vello e se ten actuado en diversas prazas das parroquias de Lires e Brens. Axudemos a manter limpos estes espazos para que a vila de Cee luza bonita.
Fonte
- Concello de Cee.