Cee e Vimianzo lideran as vendas do programa MercaNaVila na comarca

A deputada de Emprego, Rosa Ana García, acompañada da alcaldesa de Vimianzo e deputada provincial, Mónica Rodríguez, das concelleiras María José Pose e Beatriz Pazos e a presidenta da Asociación local de comerciantes, Rocío Santos, visitaron onte varios establecimentos adheridos á campaña.

O programa MercaNaVila, impulsado pola Deputación da Coruña para apoiar o comercio de proximidade nos concellos de menos de 20.000 habitantes, continúa a consolidarse como un éxito en toda a provincia e tamén nas comarcas de Bergantiños e Costa da Morte.

Segundo o último balance, con datos actualizados a día de hoxe, o programa acumula 76.446 bonos descargados, máis de 156.305 operacións realizadas e un volume total de 8.921.175 euros mobilizados en vendas.

Na comarca, destacan especialmente os resultados de Cee e Vimianzo. Cee rexistrou 10.434 operacións cos descontos de MercaNaVila e vendas por un total de 581.721 euros. Vimianzo alcanzou 2.541 operacións e preto de 155.000 euros en vendas.
A continuación sitúanse Santa Comba, Zas, A Laracha, Camariñas, Ponteceso ou Mapilca. En conxunto, os once concellos de menos de 20.000 habitantes da comarca suman 1.472.985 euros en vendas.