O Comité de Empresa critica ante a Xunta a falta interese da dirección de XEAL a actualizar o convenio colectivo
O Comité de Xeal vén de solicitar unha reunión coa Xunta a través da Conselleira de Industria, unha vez que denuncia a parálise imposta pola dirección da empresa. Desde principios do ano pasado, a representación social e Xeal (Energo-Pro) veñen tratando de negociar o II Convenio Colectivo. Tras un ano de reunións, as negociacións atópanse actualmente bloqueadas, sen avances reais, segundo o comité, “pola falta de vontade efectiva por parte da dirección para alcanzar un acordo que recoñeza o esforzo e a implicación da plantilla”.
”Tras uns anos de perdida de dereitos sociais e poder adquisitivo, a empresa insiste na sua proposta de recortes sociais e laborais”, entenden os traballadores. “A pesar de proxectar unha imaxe de crecemento, modernización e futuro, a realidade laboral presenta sombras que non se poden ignorar”, aseguran, poñendo un marco.
Redución de plantilla
Desde o ano 2019 ata a actualidade, a empresa levou a cabo unha redución de persoal fixo de máis de 84 persoas. Só entre os anos 2021 e 2025, rexistrouse unha perda de máis de 49 postos de traballo directos. As últimas contratacións realizadas limítanse, na súa totalidade, a cubrir ausencias derivadas de ITs ou vacacións sen abordar o problema estrutural da falta de persoal.
Esta disminución da plantilla acadouse a base dunha maior carga de traballo para o persoal que permanece na empresa baixo mínimos e cunha progresiva perda das condicións laborais.
O Comité de Empresa considera que “non é aceptable que unha Compañía que recibe e xestiona importantes fondos e concesións públicas, que diversifica a súa producción obtendo importantes beneficios, manteña bloqueada a negociación do convenio colectivo e non dea resposta ás necesidades da súa plantilla”.
Por todo isto, queren trasladarlle a Xunta de Galicia a súas inquedanzas para que coñeza de primeira man a realidade laboral interna, tratando de mediar na búsqueda dunha solución que favoreza os traballadores, a empresa e por ende a comarca.