As comunidades escolares de Cee clamaron contra os recortes tras unha histórica folga: “Diversidade, unha prioridade”
Completa xornada de reivindicación das comunidades escolares do IES Agra Raíces e o CEIP Vila de Cee. Levan dende que comezou o curso con mobilizacións nos seus centros polos recortes da Xunta en materia de apoio ás NEE e NEAE, pero a de onte foi unha mobilización histórica. Despois dunha xornada de folga, secundando a convocatoria nacional realizada pola CIG-Ensino, a sociedade ceense concentrouse na Praza 8 de marzo para amosar o seu rexeitamento a estes recortes, e a necesidade de que a Xunta cubra as necesidades de auxiliares PT e AL para que a inclusión sexa unha realidade.
Datos da Folga
Tanto no CEIP como no IES os datos da folga foron tremendos.
No CEIP Vila de Cee, 20 dos 26 profesores secundaron a folga, e do alumnado, asistiron 20 de 300 alumnos, a maioría por dificultades para conciliar foron ata as 12 ou 13 horas e pasaron os pais a buscalos ó saír de traballar.
Pola súa parte, no IES Agra Raíces, de aproximadamente 400 alumnos só foron 8 ó centro, e un 80% do profesorado seguiu a folga.
A situación do CEIP Vila de Cee
No CEIP Plurilingüe Vila de Cee, o alumnado precisa de, aló menos, dez horas máis á semana de pedagoxía terapéutica (PT).
A situación de 1º ESO do IES Agra Raíces
O alumnado quedou dividido en tan só dúas aulas, en grupos que se atopan na ratio máxima legal de 30 estudantes por aula. Ante ausencia de profesionais de apoio ao alumnado con NEE e NEAE, os nenos e nenas non van poder estar atendidos como corresponde.
Este curso escolar incorpóranse ao primeiro curso da ESO catro alumnos con NEE de alta complexidade (TEA, pluridiscapacidade, síndrome de Down), que requiren atención permanente de PT e ATE en tarefas básicas (entradas, saídas, recreos, desprazamentos, hixiene, alimentación). Ademais, varios deles precisan tamén atención de Audición e Linguaxe (AL). COn eles chegaron tamén nove alumnos con NEAE.
En total, trece alumnos e alumnas con necesidades específicas sobre uns cincuenta e cinco matriculados,o que supón arredor do 24% do alumnado, unha cifra moi superior á media e que require unha dotación extraordinaria de recursos.
Nos catro anos anteriores, o instituto contou con dous PTs, unha coidadora e unha AL compartida. A día de hoxe só hai dous PTs e unha ATE para todo o centro, cando as necesidades se triplicaron.
O centro escolariza máis de 400 alumnos e alumnas, cun volume moi significativo de alumnado con necesidades, ao redor un 10-12%: de alumnado NEAE ou NEE.
En terceiro da ESO hai 2 alumnos con pluridiscapacidade que requiren acompañamento de ATE e atención de PT durante toda a xornada, outros 2 alumnos con NEE e certificado de discapacidade, así como uns 42 alumnos con necesidades de apoio educativo.
Ante esta situación o instituto conta con 2 PT, 1 ATE (coidadora), 1 orientadora, 0 horas de AL (cando nos últimos cursos si se viña dispoñendo deste apoio compartido)