O Concello de Cee aproba os orzamentos de 2026 con serias críticas polas abusivas subidas de taxas

Celebrábase onte, mércores 17 de decembro, o pleno máis importante do ano no Concello de Cee. O único punto da orde do día era a aprobación dos orzamentos para 2026.

O grupo de goberno do PSOE presentaba unhas contas que calificaba como “cifras récord” para o Concello de Cee, por un total de 8.300.000€, un 9% máis alto que o do ano pasado.

Os orzamentos foron finalmente aprobados cos votos a favor do PSOE, coa abstención do PP e co voto en contra do BNG. Non puido estar a edil de IxCee, que lamentou que unha vez máis o grupo de goberno “non contase coa oposición para a elaboración do orzamento como xa ven sendo habitual”, avisando que o seu voto sería de abstención.
Pilar Iglesias lembraba na previa que consideraba “innecesaria e gravosa para a cidadanía e o exvesivo aumento do prezo do parking C.C. Finisterrae”.

Precisamente, a subida de taxas foi o punto máis críticos polos grupos da oposición. Para o voceiro do PP, Jesús Picallo, “falamos dun presuposto que non está adaptado ás necesidades de Cee, e non se entende que suban máis as taxas e os impostos que o propio presuposto”. Sobre todo, cando “a que si que crece é a partida de soldos políticos, uns dos máis altos da historia de Cee”, sumando máis de medio millón de euros durante os 4 anos de lexislatura. Picallo lembrou tamén os atasco na oficina técnica para dar licenzas, parte fundamental para darlle vida á economía da vila, e explicou o seu voto de abstención “porque cremos que son uns presupostos feitos a correr para telos listos antes de fin de ano Cee necesita uns presupostos máis ambiciosos”.

Pola súa parte, dende o BNG votou en contra por varias razóns, sendo a principal a falta de partida para a separación de augas pluviais e fecais, que provoca anegacións continuas como as da semana pasada. “Xa hai un estudo feito pola Xunta, que custou 240.000€ e que se debería ter en conta e aproveitar”, alertou Serxio Domínguez. Un BNG que si que valorou positivamente unha petición realizada por Monste Canosa en varios plenos, a aprobación da cuarta liña na Escola Infantil de Cee.
Pola contra, O BNG afonda na subida de taxas, “como de vados, de cargas e descargas, do cemiterio, da escola de música, da escola de teatro, ou a do lixo, que sube un 100% no rural e do 50% no casco urbano, subindo o mesmo a un gran xerador que a unha familia”, denuncia. “Esta lexislatura defínese pola subida de impostos e taxas”.

Como Picallo, Domínguez tamén pediu máis axudas ás asociacións. Critican dende o BNG a repartición das axudas ás entidades deportivas e culturais, para as que determina 20.000 a cada liña. Piden duplicar estas partidas e abrir unha partida concreta para as comisións de festas (só teñen un convenio nominativo a Comisión da Xunqueira, pero non teñen as de Pereiriña, Toba, Ameixenda e Brens) e para comunidades de augas e asociacións veciñais, sen que teñan que ir a pedir.

”En definitiva, votamos en contra porque os orzamentos seguen sen darlle solución ás grandes carencias do Concello de Cee”, concluíu.