A Costa da Morte volveu mandar barquiños solidarios a Gaza

A veciñanza fixo ducias de barcos por Gaza en Cee-Foto-Juan Louro

Aínda que algo tarde, semella que algo está a cambiar na conciencia de toda a sociedade arredor do xenocidio sionista sobre o pobo palestino. Así se conclúe tralas potentes manifestacións de onte en todo o estado, despois da detención da Flotilla Humanitaria Global Sumud.

A Coruña, Ourense, Lugo, Santiago,... a xente saíu á rúa para amosar o fartazgo da sociedade despois de tantos meses de impune barbarie sen que occidente faga nada.

Tamén en Cee, onde á chamada do COAP Costa da Morte máis dun centenar de veciñxs acodiron cos seus barquiños de papel en símbolo de apoio á flotilla e ao pobo gazatí.

Foto de Juan Louro

Tras nomear a todos os barcos da Flotilla, o número de tripulantes e as súas nacionalidades, leron o manifesto do Movemento para Galiza-Palestina:

MANIFESTO: NA FLOTILLA NAVEGAMOS TODAS, POR PALESTINA

Na Flotilla Sumud Global navegamos todas. Nas ducias de barcos que a compoñen hai tripulación de 48 países de todo o mundo, mais tamén, xunto a elas, viaxan os nosos corazóns, a nosa solidariedade, o noso amor e a nosa rabia para deter este exterminio nauseabundo e poder aliviar o sufrimento das nosas irmás e irmáns do pobo palestino.

Onte, dia 1 de Outubro a Flotilla Sumud Global foi interceptada, de xeito violento, por barcos do exército sionista de Israel en augas internacionais a menos de 100 millas náuticas da costa de Gaza.

A operación militar, de abordaxe das embarcacións e secuestro das tripulacións, realizada de noite, viola o dereito internacional e marítimo e provocou un grave perigo para a seguridade das nosas compañeiras e compañeiros que navegan nos barcos. Esta operación militar contra poboación civil internacional en misión humanitaria de paz foi un acto abusivo, arbitrario, ilegal e terrorista, perpetrado por un estado xenocida.

Foron varios os intentos de sabotaxe ás embarcacións durante toda a travesía, coa intención de atemorizar ás persoas participantes, intentos de queimar as embarcacións con artefactos incendiarios en augas de Tunez, bombas sónicas, voadura de mastros de veleiros, ataques con acedo e interferencia nas comunicacións, en augas gregas, acoso con barcos de guerra e abarloo a algúns veleiros, chegando a Gaza, ademais de estar, a Flotilla, sometida a vixilancia constante por medio de drones en augas xurisdicionais de diferentes países, incluso do Estado español. Tamén se intentou criminalizar esta acción, definíndoa como iniciativa Yihadista.

A situación que está a sufrir o pobo palestino da Franxa de Gaza é un auténtico horror. O estado xenocida de Israel está asasinando a poboación de Gaza de todas as formas posíbeis; a maioría das asasinadas son poboación civil, mulleres, homes, crianzas, vellas e novas. Centros de saúde, escolas, campos de refuxiadas e tendas de campaña están sendo bombardeadas. Están levando a cabo un masacre planificado para exterminar a poboación palestina de Gaza.

Israel, como estado ocupante, ten a obriga internacional de garantir que a poboación civil de Gaza teña acceso seguro e suficiente a alimentos, auga, menciñas e outras subministracións indispensábeis para a súa supervivencia. Pola contra está impedindo de xeito sistemático e deliberado a provisión de asistencia humanitaria imprescindíbel para una poboación civil que a necesita con urxencia. Gaza leva 18 anos cun bloqueo ilegal e asfixiante, onde é restrinxida a entrada de alimentos, auga, menciñas, combustíbel e  lectricidade, que nos últimos dous anos é absoluto.

Os estados occidentais, os da maioría de países árabes e os doutras partes do mundo, miran para outro lado cunha actitude vergoñenta de connivencia, complicidade e silencio, entrementres este estado asasino de Israel, viola todos os tratados internacionais sobre dereitos humanos, o Dereito Internacional, o Derecho Internacional Humanitario e os propósitos e principios da Carta de Nacións Unidas. O que outorga, a estes psicópatas sanguinarios, inmunidade total para exercer o seu sadismo atroz sobre a poboación de Gaza.

A interceptación por Israel da Flotilla Sumud Global visibiliza ante o mundo esta impunidade da que goza este estado desde hai décadas, pola inacción da comunidade internacional.

Ante esta inacción e complicidade dos gobernos é a poboación civil internacional a que toma a iniciativa e se organiza, con escasos medios mais con fortes conviccións, sacando tempo de onde pode, e freta ducias de embarcacións precarias para poder chegar até Gaza en misión humanitaria, cargadas de subministracións básicas, portando víveres e menciñas, mais sobre todo esperanza e
solidariedade. Nestas embarcacións navega unha valente tripulación que asume grandes riscos para rachar o bloqueo e parar este bestial xenocidio. É a xente do pobo quen se move para axudar a un pobo irmán que está sufrindo o incomprensíbel e salvaxe masacre do sionismo. A solidariedade do pobo galego tamén navega cara Gaza coas nosas representantes na Flotilla, a activista Sandra Garrido e o patrón Manu Lopez. Esta Flotilla, xunto con todas as persoas solidarias dos distintos pobos do mundo, estamos formando unha irmandade, cada vez mais grande e poderosa, de solidariedade coa poboación palestina.

Non tería sido preciso que as nosas compañeiras que navegan nos barcos correran estes riscos se os estados houberan convertido a sua retórica, baleira de contido, en medidas enérxicas para forzar a entrada de axuda humanitaria en Gaza.

Desde Galiza solidarizámonos coas nosas irmás e irmáns gazatís e coa Flotilla Sumud Global, cuxos barcos van cargados de humanidade, e condenamos esta acción militar de interceptación.

ESIXIMOS:

- Que se paren as atrocidades sobre a poboación palestina e que se xulguen aos responsábeis por crimes contra a humanidade.
- Que se abra, de xeito urxente, unha ruta humanitaria por terra e mar para que chegue a axuda humanitaria á poboación de Gaza, para poder paliar a súa precaria e desesperada situación.
- Que a tripulación da Flotilla Sumud Global sexa tratada con máximo respecto e sexa posta en liberdade de xeito inmediato e incondicional.

Facemos un chamamento a todas as galegas e galegos para que estean alerta cos ollos postos na Flotilla para seguir os acontecementos e reaccionar ante un empeoramento da situación para as compañeiras en mans do exercito israelita.
Seguiremos mantendo toda a nosa atención sobre o que está pasando en Palestina e seguiremos mobilizándonos contra o xenocidio deste pobo, exemplo de valentía e resistencia.

DESDE O RÍO ATÉ O MAR PALESTINA VENCERÁ